Novas

luns, 05 de outubro de 2020

A Mesa de Contratación do Concello aborda o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar

A sesión de esta mañá tamén avanzou na adxudicación da subministración e instalación da iluminación ornamental da próxima campaña de Nadal e no proxecto de aglomerado de tramo na estrada Brión-Liñares-Martín-Espiño


O concelleiro de Urbanismo e voceiro do goberno local, Julián Reina, presidiu esta mañá unha nova sesión da Mesa de Contratación do Concello, na que se abordaron diferentes proxectos, entre eles o novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). En concreto, hoxe tivo lugar a apertura do sobre 1 (documentación acreditativa das empresas). Terá unha duración de dous anos, prorrogables anualmente ata un máximo de outros dous (2+1+1) e conta cun orzamento base de licitación, sen impostos, de 10.539.040,18 euros. Entre os obxectivos do novo contrato están mellorar a calidade de vida dos usuarios, posibilitar a permanencia das persoas no seu entorno, favorecer a autonomía persoal no propio domicilio, manter as redes de relación familiar e social, previr situacións de dependencia ou exclusión social, retardar a institucionalización e reforzar a solidariedade. 


O SAF recolle unha serie de actuacións para levar a cabo actividades básicas da vida diaria, como son a asistencia para erguerse e deitarse, apoio no coidado e hixiene persoal, control do réxime alimentario, supervisión das rutinas de administración de medicamentos e apoio para cambios posturais. 

Tamén en relación a outras actividades, por exemplo, apoio en tramites administrativos urxentes ou acompañamento para acudir a consultas ou tratamentos. En canto a atencións de carácter doméstico e da vivenda, inclúe a limpeza ordinaria, a compra de alimentos e produtos de uso común, a preparación de alimentos, o lavado e coidado de prendas de vestir, depositar o lixo e a axuda cos animais domésticos. Ademais, recolle atencións de carácter psicosocial ou educativo, a posibilidade de actividades de acompañamento e socialización e servizos de podoloxía e fisioterapia, entre outros. Tamén se avanzou na sesión da Mesa de Contratación de hoxe na adxudicación da subministración e instalación ornamental da próxima campaña de Nadal, cun orzamento máximo de 149.946,02 euros (IVE incluído). 

Do mesmo xeito tratouse o proxecto de aglomerado de tramo na estrada Brión-LiñaresMartín-Espiño, incluído no Plan Provincial de Obras e Servizos (POS+2018), por un importe de 214.527,07 euros (IVE incluído). Dito camiño, na parroquia de Brión, ten unha lonxitude de 2.407 metros e un ancho medio de 5,5 metros. O prazo de execución dos traballos é de 13 semanas.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar