Novas

martes, 06 de outubro de 2020

Máis de 10.000 euros en premios directos, descontos e o sorteo dun Apple Watch centran a gran promoción do comercio e a hostalería local que comeza mañá

Ao redor de 60 negocios da cidade participarán na campaña deseñada polo Concello de Ferrol co fin de impulsar o tecido económico da cidade, incentivar as vendas e captar novos clientes. A iniciativa tamén inclúe un iPhone SE para o cliente que máis compre na campaña, que rematará o 4 de novembro. A partir das 12 horas de mañá estará operativa para os clientes a nova aplicación D´Compras por Ferrol, que permitirá acceder a toda a información


Mañá comeza a gran promoción do comercio e hostalería local deseñada polo Concello de Ferrol no marco do programa ‘Ferrol Cidade Viva’ co obxectivo de dinamizar o tecido económico da cidade, o que supón a posta en marcha da terceira liña de actuación do plan municipal. Ademais de formación e asesoramento individualizado, os participantes no programa ‘Ferrol Cidade Viva’ inician mañá a seguinte fase, a gran promoción dos negocios locais para captar clientes e incentivar as vendas. 


María Teresa Deus, titular da concellería de Promoción Económica, encargada de deseñar o plan, anunciou esta mañá que para levala a cabo o Concello habilitará a partir das 12 horas de mañá a aplicación D´Compras por Ferrol, que terá dobre uso: os emprendedores poderán coñecer mellor aos seus clientes e estes contarán cunha ferramenta na que consultar descontos, sorteos, premios, incentivos ás vendas cruzadas e incluso os puntos acumulados para beneficiarse de promocións co fin de incentivar o consumo. O cliente poderá acceder a ela a través dun código QR que estará exposto nos establecementos participantes. Neste punto, María Teresa Deus explicou que “todo este proceso será moi sinxelo, ese é o noso obxectivo, facer a campaña o máis accesible posible a toda a poboación”.

Grandes atractivos para os clientes 
A concelleira anunciou que a campaña, que rematará o 4 de novembro, contará con grandes atractivos para os clientes, como o lanzamento de máis de 10.000 euros en premios directos entre as persoas que descarguen a nova aplicación. Acumularán o 10 % do importe das súas compras realizadas nos establecementos participantes na promoción e unha vez comprasen en máis de cinco negocios e por un importe total superior a 100 euros, poderán trocar o seu diñeiro acumulado. Ademais sortearse un Apple Watch entre as persoas que se baixen a aplicación e regalarase un iPhone SE a aquel cliente que merque en máis comercios durante a campaña. Todas estas iniciativas, explica a concelleira, perseguen o fin de “incentivar as compras” ao tempo que “dar a coñecer a calidade do noso tecido comercial e hostaleiro”. 

Polo momento xa son 60 os establecementos que participarán na gran promoción e o prazo de inscrición segue aberto no correo electrónico emprego@ferrol.es e no número de teléfono 637 962 787. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar