Novas

mércores, 07 de outubro de 2020

Punta Penencia acollerá o sábado a terceira edición do Campionato Ferrolán de Bodyboard

O concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, presentou esta mañá xunto a o organizador, José Harto Breijo, a terceira edición do evento, que se desenvolverá entre as 9 e as 18 h. Participarán preto de 90 deportistas con idades comprendidas entre os 12 e 45 anos, entre os que están recoñecidas figuras como Unay Ameneiros, Ana Pena, Bruno Martín, Juan Sande e Patricia da Rocha


Punta Penencia acollerá o sábado a terceira edición do Campionato Ferrolán de Bodyboard

O Concello de Ferrol, a través da concellería de Deportes, que dirixe Antonio Golpe, patrocina o Campionato Ferrolán de Bodyboard coa celebración este mesmo sábado na praia de Punta Penencia da súa terceira edición tras anos sin celebrarse. Tal e como explicou esta mañá o concelleiro en rolda de prensa, acompañado polo organizador do evento, José Harto Breijo, participarán preto de 90 deportistas de idades comprendidas entre os 12 e 45 anos. Entre eles, recoñecidas figuras como Unay Ameneiros, Ana Pena, Bruno Martín, Juan Sande e Patricia da Rocha. Contará con cinco categorías: Junior, Open masculino, Open femenino, Máster e Dropknee e desenvolverase de 9 a 18 horas, para a continuación iniciar a entrega de premios, que consistirán en roupa e accesorios deportivos. 


Golpe explicou que o Concello quere contribuír a que os ferroláns teñan un “evento en casa” e destacou o nivel dos participantes e as “posibilidades que ofrece a nosa costa para desenvolver eventos deportivos”. Insistiu no “apoio do goberno local no impulso de actividades de auga deste tipo” e pediu ás persoas que acudan a Punta Penencia o sábado que respecten as medidas de seguridade e de protección pola covid-19. O deporte, dixo, “ao igual que a cultura, é seguro, pero depende do comportamento individual”. 

Pola súa banda, o organizador do evento, José Harto Breijo, explicou que o fin de celebrar este campionato en Ferrol é, “ademais de fomentar a nosa canteira de deportistas e de ofrecer un evento na nosa propia cidade, dar impulso ás nosas primeiras figuras”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar