Novas

xoves, 08 de outubro de 2020

Ferrol, cidade líder do proxecto MMIAH, preside unha reunión entre as nove cidades que integran o plan europeo


Ferrol, cidade líder do proxecto MMIAH, preside unha reunión entre as nove cidades que integran o plan europeo

 As concelleiras de Turismo, María Teresa Deus, e a de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, explicaron esta mañá tras presidir Ferrol unha reunión de traballo telemática cos socios do proxecto MMIAH —programa para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo, militar e industrial da zona costeira do Atlántico— os avances do programa europeo. 


O Concello de Ferrol lidera o proxecto, que integran outros oito socios —os concellos de Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), e os de Limerick e Cork (Irlanda)— e que conta cun orzamento total de 3.288.099,40 euros (dos que Ferrol recibe 416.073,75 euros) para desenvolver accións orientadas á recuperación e promoción do patrimonio dos municipios participantes. Durante a reunión técnica, explicaron as concelleiras, cada cidade expuxo a evolución dos seus proxectos e puxéronse en común aspectos de interese para todos os membros.

Dous liñas de actuación 
MMIAH ten dúas liñas de actuación, unha no ámbito da recuperación e posta en valor do patrimonio histórico de cada unha das cidades participantes e outra orientada a crear un produto turístico conxunto, aumentar o número de visitantes e tamén o atractivo turístico das cidades do borde costeiro da área atlántica, polo que unha das accións en marcha é a gravación dun vídeo promocional das nove cidades e a creación dunha marca. De feito, o proxecto MMIAH estivo presente o pasado mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo 2020 (Fitur), o que permitiu xerar contactos e sinerxías para dar a coñecer o proxecto. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar