Novas

xoves, 08 de outubro de 2020

O Concello celebrará o Día Internacional da Muller Rural

A concelleira de Muller, Cristina Prados, avanzou hoxe na comisión informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico que o próximo 15 de outubro se celebrará un acto institucional e a continuación se representará a obra de teatro “Elas” no local social Val de Esmelle


O Concello de Ferrol, a través da concellería de Muller, que dirixe Cristina Prados, vai celebrar o Día Internacional da Muller Rural, que terá lugar o próximo 15 de outubro, tal e como explicou esta mañá a edil aos grupos da oposición na comisión informativa de Benestar Social, Igualdade, Muller, Xuventude e Patrimonio Histórico. 


O programa, baixo o lema ‘Muller rural, muller sen igual’, inclúe a celebración da obra de teatro Elas, un espectáculo de balde de narración oral a cargo de Vero Rilo e da acordeonista Sonsoles Penadique que conta a historia de tres mulleres en clave de drama e humor. Terá lugar ás 17 horas no local social Val de Esmelle tras un acto institucional. O obxectivo do goberno local é que cada ano se desenvolva nun local diferente do rural e instaurar a celebración no calendario anual. A intención do Concello, dixo Prados, é “dar visibilidade á figura da muller rural e darlle o recoñecemento que merece”. Para obter información sobre as entradas é necesario contactar coa Casa da Muller a través do correo electrónico casadamuller@ferrol.es. 

A concelleira tamén deu conta da primeira edición do Concurso de Curtametraxes contra a violencia de xénero ‘Curta coa violencia’, que terá lugar nas próximas semanas. Poderán participar mozos de entre 14 e 30 anos que mostren a súa visión do problema a través do móbil, tableta ou cámara de vídeo. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar