Novas

xoves, 08 de outubro de 2020

O Concello renovará o estadio municipal da Malata co apoio económico da Deputación

O alcalde, Ángel Mato, e o presidente provincial, Valentín González Formoso, explicaron no campo de fútbol que o proxecto vaise desenvolver en varias fases, para a primeira das cales a Deputación aportará en torno a 500.000 euros


O Concello renovará o estadio municipal da Malata co apoio económico da Deputación

O Concello de Ferrol contará co apoio económico da Deputación da Coruña para acometer a necesaria renovación do estadio municipal da Malata. Así o anunciaron o alcalde, Ángel Mato, e o presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso, tras percorrer as instalacións deportivas acompañados polo presidente do Racing de Ferrol, José Criado; a deputada provincial e concelleira de Obras e Servizos do Concello de Ferrol, Ana Lamas, e o concelleiro de Urbanismo e voceiro do goberno local, Julián Reina, ademais de directivos do club e técnicos do Concello. 


A Deputación aprobará no pleno deste mes unha partida próxima aos 500.000 euros para colaborar no financiamento dun proxecto que, dada a súa envergadura, está previsto que se desenvolva en varias fases. O obxectivo é, a través dunha remodelación moi ambiciosa, mellorar tanto a estética como a seguridade das instalacións e poñer en uso espazos que agora mesmo non están habilitados. 

Mato agradeceulle ao presidente provincial o “compromiso compartido” para levar a cabo esta actuación e poñer a disposición de todos os ferroláns “unhas instalacións melloradas”. O rexedor lembrou que, pese a que Ferrol conta cun estadio “magnífico”, neste momento toca afrontar “importantes cuestións pendentes en relación co seu mantemento e coa súa edificación”. Para poder abordalas, explicou, o Concello está a buscar vías de financiamento, como á que se compromete a Deputación. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar