Novas

sábado, 10 de outubro de 2020

Ángel Mato e Lara Méndez invitan no acto de irmandade entre Ferrol e Lugo a sumar esforzos para saír da crise

Á sinxela cerimonia coa que se conmemoraron no pazo municipal da capital lucense os 20 anos do pacto entre ambas cidades asistiu unha representación da corporación ferrolá


Ángel Mato e Lara Méndez invitan no acto de irmandade entre Ferrol e Lugo a sumar
esforzos para saír da crise

 As cidades de Ferrol e Lugo renovaron hoxe a súa irmandade cun sinxelo acto celebrado no salón de plenos do Pazo Municipal lucense. Con motivo do día de Ferrol no San Froilán, una representación da corporación municipal encabezada polo alcalde, Ángel Mato, e que compoñían tamén os voceiros dos grupos municipais do PSOE, Julian Reina, e do PP, José Manuel Rey, asistiu á tradicional cerimonia que, dende hai xa dúas décadas, se sucede tanto con motivo das festas luguesas como do San Xiao ferrolán. 


Durante as súas intervencións, tanto a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, coma o de Ferrol lembraron o esforzo que as Administracións locais tiveron que asumir este ano para combater a pandemia de covid-19 e tratar de paliar a crise económica e social consecuencia da grave situación sanitaria. Tamén insistiron na tradicional reivindicación arredor da que xurdiu esta irmandade, que é a de conseguir unhas mellores comunicacións, sobre todo ferroviarias, para o norte de Galicia. 

Méndez defendeu que os alcaldes e as alcaldesas deben formar parte das tomas de decisión, tamén no reparto dos fondos de reconstrución, que deben servir, dixo, para ser cada vez máis competitivos, pero tamén para tomar medidas coas que intentar “que ninguén se quede no camiño”. 

A alcaldesa mostrouse optimista en canto a que os novos escenarios, como o que se abre, “sempre dan lugar a novas oportunidades”, que deben ser aproveitadas “aunando esforzos, se cabe máis que nunca” e buscando sinerxias entre as distintas Administracións. 

Mato lembrou a “aquelas persoas que nos deixaron a causa da pandemia” e tivo palabras de recoñecemento para “todos os que estiveron e están a traballar para combatela”, así como para o comportamento en xeral exemplar da cidadanía. Asegurou que ambas cidades “comparten inquedanzas e necesidades”, pero tamén un xeito de facer as cousas que ten moito que ver coa visión da política “como diálogo e traballo conxunto”. “Foi descorazonador”, dixo o rexedor ferrolán, ver como nalgúns momentos desta crise “os políticos nos tirábamos os trastos á cabeza” en lugar de unirse para atallar o problema. 

Despois de defender os servizos públicos como base dun Estado democrático e social, Ángel Mato quixo tamén “levantar a voz polos traballadores e traballadoras de Alcoa”. Para o alcalde Ferrolán, é o momento de reactivar a economía do norte galego “co apoio de quen pode mellorar as nosas infraestruturas” e asegurándose que se van empregar con responsabilidade “todos os orzamentos que e van dedicar a esa reconstrución”. “Non vai haber mellor oportunidade que esta para subir a ese tren”, insistiu. 

O rexedor rematou a súa intervención trasladándolle a Lara Méndez os seus parabéns por contribuír a soster a cultura coa organización do San Froilán “pese ás dificultades que iso implica”.

Intercambio de agasallos 
Para pechar o acto, ambos alcaldes intercambiaron agasallos. Mato entregoulle a Méndez unha reproducción da porta de Bazán en cerámica e a biografía de Concepción Arenal. Pola súa banda, a rexedora lucense regaloulles aos ferroláns un magnolio para que sexa plantado na cidade, un exemplar do libro A exposición rexional de 1896 e unha memoria USB do Concello de Lugo como símbolo da transformación dixital. O alcalde de Ferrol comprometeuse a que a árbore, que vai simbolizar os 20 anos de irmandade oficial entre ambas cidades, se vai plantar nun lugar céntrico e destacado antes da visita da corporación luguesa a Ferrol con motivo do San Xiao.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar