Novas

martes, 13 de outubro de 2020

O Concello e Afundación avalían o programa ‘Cubertos’ e estudan novas liñas de colaboración para apoiar á infancia en situación de vulnerabilidade

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, lembrou que o plan se desenvolveu en verán e serviu 14.837 menús


A concelleira de Benestar Social e Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, mantivo a semana pasada unha reunión de traballo con responsables de Afundación para valorar a experiencia do programa ‘Cubertos’, que se desenvolveu durante todo o verán en Ferrol —Edificio Social, Casa Solidaria, centro cívico Carvalho Calero e centro cívico de Caranza— e serviu 14.837 menús entre nenos e nenas en situación de vulnerabilidade. No encontro tamén estudaron posibles novas vías de colaboración entre o Concello de Ferrol e a entidade coa infancia como obxectivo prioritario. 


Martínez Montero agradeceu, unha vez máis, a iniciativa, que “permitiu chegar a moitas familias durante os meses de vacacións nun servizo que non se viña prestando e que nestes tempos de profunda crise son especialmente importantes” e destacou tanto o traballo realizado por Afundación e polo seu voluntariado, encargado de atender todos os días os catro centros de reparto de menús, como o desenvolvido polos servizos sociais municipais. De feito, non considerou casualidade que, na enquisa realizada pola Obra Social de Abanca a 99 persoas usuarias deste programa, a puntuación global fora de 4,6 sobre 5, “un resultado indicativo de que non só o servizo foi necesario, senón que tamén foi útil e máis que correcto”, dixo a concelleira. 

Outras colaboracións 
Na reunión tamén abordaron posibles novas liñas de colaboración, que se irán concretando nas vindeiras semanas. O apoio á infancia de Ferrol en situación de vulnerabilidade social é o obxectivo das accións nas que se está a traballar, un colectivo “que está a ser exemplo nun momento tan complicado como este e que merece recibir a atención que precisa, sobre todo aqueles nenos e nenas que se atopan en situación de risco ou de exclusión social”, explicou Martínez Montero. 






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar