Novas

martes, 13 de outubro de 2020

O Concello autorizará a explotación dos postos vacantes dos mercados da Magdalena e Recimil como parte do plan de activación económica

O concelleiro Germán Costoya informou hoxe na Comisión de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos da instrucción que regulará esta medida temporal. Poderase acceder a un posto en Recimil dende 25 euros ao mes (60 na Magdalena) e o únicos requisitos legais van ser cumprir os esixidos para a actividade correspondente. Durante a reunión, a edil Eva Martínez Montero informou de que o Concello pasará a prestar directamente no pazo municipal a atención do Punto de Información Catastral. A intención do goberno local, explicou a concelleira, é a de ampliar o servizo, para o que está estudando a posibilidade de prestalo a través da Dirección Xer


O Concello de Ferrol vai abrir a posibilidade de que os postos libres nos mercados da Magdalena e Recimil poidan ser explotados mediante autorizacións temporais. O período será de dous anos, coa posibilidade de prórroga ata un máximo de catro. O concelleiro de Mercados, Germán Costoya, informou esta mañá aos grupos políticos municipais da instrucción que regulará este procedemento, elaborada pola área de Patrimonio do Concello, dependente da concelleira María Teresa Deus. Costoya mostrouse “moi satisfeito de que se poida resolver unha demanda que existía dende hai anos”, no que significa unha “clara aposta” pola dinamización e posta en valor dos mercados.


Durante a reunión da Comisión Informativa de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos, Costoya explicou que esta medida, que forma parte do plan de activación económica que está levando a cabo o goberno local, persegue a revitalización da actividade comercial. Pese a que no 2017 se levou a cabo un procedemento para a concesión de postos nestes dous mercados, segue existindo un elevado número de espazos que aínda están baleiros, ao quedar desertos na licitación. Estes mesmos postos son os que agora serán obxecto de autorización. 

A partir do 1 de novembro, os interesados poderán presentar a súa solicitude para optar a explotar calquera destes espazos. Os requisitos son os seguintes: acreditar estar dado de alta no epígrafe correspondente e ao corrente no pago do IAE (no caso dos exentos, estar dado de alta no censo de obrigados tributarios), acreditar estar dado de alta no réxime da Seguridade Social que corresponda e estar ao corrente no pago das cotizacións, acreditar estar ao corrente das obrigas tributarias, estar en posesión do certificado de manipulador de alimentos no caso de que se vaian manexar no posto, manter vixente unha póliza de seguro de responsabilidade civil e, finalmente, presentar unha declaración responsable na que se manifeste que se teñen concedidas as autorizacións ou licenzas esixidas pola normativa para o exercicio da actividade e todas as esixencias legais.  

Rapidez 
Dende novembro, as solicitudes presentadas avaliaranse todos os días 15 de cada mes. As autorizacións outorgaranse de forma directa se só existe unha solicitude para un posto. No caso de que se presenten máis de unha para o mesmo espazo, a adxudicación levarase a cabo mediante sorteo público. 

O canon anual dos postos varía entre os 302,52 euros e os 2.151,72, no caso de Recimil, e entre os 723,24 e os 2.855,40 no da Magdalena. Isto implica que se poida optar a un posto por pouco máis de 30 euros ao mes en Recimil e de 60 no mercado da Magdalena. 

A listaxe dos postos vacantes dispoñibles a partir do 1 de novembro publicarase no taboleiro de anuncios do Concello (incluída a versión on-line na web municipal) e tamén se poderá consultar nas oficinas de atención á cidadanía. Esta lista poderase incrementar con aqueles postos que queden baleiros no futuro. Neste momento, en Recimil están dispoñibles 11 postos, e na Magdalena, 9.

Cambios na oficina do catastro 
A reunión da comisión informativa estivo presidida hoxe, de forma accidental, pola concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, que tamén informou aos grupos de que os servizos que viña ofrecendo o Punto de Información Catastral vanse trasladar ao pazo municipal. A edil explicou que o Concello os vai asumir de forma directa e van ser prestados por persoal da Administración local da mesma maneira que se viña facendo ata agora. 

Martínez Montero avanzou tamén que, logo de que rematara o contrato da empresa que viña desenvolvendo estes labores, a intención do goberno local é ampliar a atención ao público do Punto de Información Catastral, para o que se está analizando a posibilidade de prestar o servizo a través da Dirección Xeral do Catastro. Ademais, esta opción sería, en principio, máis económica que a de contratar unha empresa externa. 







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar