Novas

martes, 13 de outubro de 2020

Ferrol continuará co pleno de setembro o próximo luns

O voceiro do goberno local, Julián Reina, deu conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local e na Xunta de Voceiros


Ferrol continuará co pleno de setembro o próximo luns

O voceiro do goberno local e concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Contratación, Julián Reina, explicou hoxe os asuntos tratados tanto na Xunta de Goberno Local como na Xunta de Voceiros celebradas esta mañá no pazo municipal. O edil anunciou que o pleno do mes de setembro, que se celebrou o pasado día 24 e pasadas as doce da noite aprazouse para outro día, continuarase o próximo luns, ás 19 horas. 


O concelleiro explicou que a semana pasada se iniciou o proceso de licitación das obras da segunda fase das beirarrúas de Serantes, unha intervención que conectará dito barrio coa Malata e que “sae adiante grazas á colaboración institucional entre a Deputación da Coruña e o Concello de Ferrol”. Reina anunciou tamén que na comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación que terá lugar mañá no pazo municipal darase conta do Plan de Mobilidade Urbana Sostenible (PMUS) do Eixo Atlántico, que propón accións en todos os municipios que integran o organismo. 

Tras as preguntas dos periodistas sobre a concentración desta fin de semana en apoio á cultura local, o voceiro expresou que o Concello de Ferrol se suma a ese respaldo ao sector “tal e como demostramos celebrando as festas de verán respectando todas as medidas de seguridade”. O goberno local, dixo, “respalda a cultura segura e precisamente por iso o concelleiro da área, Antonio Golpe, presentou recentemente unha programación de gran calidade para os próximos meses”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar