Novas

martes, 13 de outubro de 2020

O Concello prevé ter executado a finais de ano preto do 65 % do orzamento do proxecto europeo MMIAH

O programa busca poñer en valor o borde litoral urbano da área atlántica a través da recuperación de bens en desuso do patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras. O programa, para o que se destinaron 3,2 millóns de euros, comezou no ano 2017 e rematará a mediados do 2021. Ferrol lidera o proxecto, que integran outras oito cidades: Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda)


O Concello prevé ter executado a finais de ano preto do 65 % do orzamento do proxecto europeo MMIAH

O Concello de Ferrol lidera o proxecto europeo ‘Maritime, Military and Industrial Heritage of the Atlantic Area Coast’ (MMIAH), que busca poñer en valor o borde litoral urbano da área atlántica a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras, facilitar o seu uso e xerar actividades co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica.


O proxecto MMIAH comezou a mediados de 2017 e rematará a mediados de 2021. Ten dúas liñas de actuación, unha no ámbito da recuperación e posta en valor do patrimonio histórico de cada municipio participante e outra orientada a crear un produto turístico conxunto e aumentar a chegada de turistas. De feito, o proxecto europeo estivo presente o pasado mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo 2020 (Fitur). 

Participan no proxecto, ademais de Ferrol como líder da iniciativa, outras oito cidades—Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda)—, e conta cun orzamento total de 3.288.099, 40 euros, dos que o 75 % procede do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o 25 % restante dos fondos municipais de cada cidade.  

Notable incremento no ano 2019 
A Ferrol correspóndelle 554.765 euros para os catro anos que dura o programa e a pouco máis de dous meses de rematar o 2020 o Concello prevé que a finais de ano estará xa en execución preto do 65 % do orzamento total, quedando para o próximo exercicio o resto. Por anualidades, en 2017 executáronse 11.520 euros, en 2018 un total 32.145 euros e 113.256,66 no ano 2019. A previsión para o presente exercicio 2020 é que remate o ano con 195.988,54 euros de execución. A suma das catro cifras supón preto do 65 % do total. 

O importe xa executado destinouse a varias accións orientadas a lograr o fin do programa. No ámbito turístico inclúense as actividades desenvolvidas para impulsar a celebración en agosto da Batalla de Brión, vídeos promocionais tanto do enfrontamento entre as tropas británicas e españolas como da cidade e o deseño dunha plataforma dixital que sirva de soporte para a difusión do produto turístico que inclúa aos nove membros. No apartado da recuperación e posta en valor do patrimonio histórico, Ferrol executou un inventario dos bens da cidade e avanzou no proxecto de rehabilitación da torre da batería baixa do castelo de San Felipe, unha intervención que está previsto que quede adxudicada este mesmo ano por un importe que ronda os 100.000 euros. 

As concelleiras de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, e a de Turismo, María Teresa Deus, valoran “positivamente” os datos de execución ata o momento, tendo en conta ademais “todas as dificultades que entraña un proxecto novo para o que non se ten experiencia previa e as dificultades pola actual situación sanitaria pola covid19”. 

Reunión técnica esta mesma semana co resto de socios 
Ferrol, como líder do programa, presidiu esta mesma semana unha reunión técnica entre todos os socios do plan na que cada cidade expuxo a evolución dos seus proxectos e puxéronse en común aspectos de interese para todos os membros co fin de avanzar nos obxectivos do plan europeo. 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar