Novas

xoves, 15 de outubro de 2020

O Concello e Exponav firman un convenio de colaboración por un importe de 41.500 euros

O alcalde, Ángel Mato, e o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Antonio Duelo Menor, rubricaron esta mañá no salón de plenos do pazo municipal un acordo para contribuír ao fomento do coñecemento da construción naval. O rexedor destacou que o Museo da Construcción Naval “é único en España” e responde “moi ben” ao que representa a cidade por estar localizado en Ferrol, pola xestión que desenvolve a Armada e pola actividade que recolle


O Concello e Exponav firman un convenio de colaboración por un importe de 41.500 euros

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o presidente por delegación da Fundación Exponav, o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol Antonio Duelo Menor, rubricaron esta mañá no salón de plenos do pazo municipal un convenio de colaboración por un importe de 41.500 euros para contribuír ao financiamento da actividade da entidade e ao fomento do coñecemento da construción naval. 


Tras asinar o documento, o rexedor destacou que o Museo da Construcción Naval de Ferrol “é único en España” posto que responde “moi ben” ao que representa a cidade: “por estar localizado en Ferrol, pola xestión que desenvolve a Armada, institución que se atopa na xénese da cidade, e pola actividade que recolle, a construción de barcos”. Mato destacou tamén que o compromiso do Concello con Exponav “é absoluto” co fin de “dar a coñecer o museo e atraer máis visitas”. 

Pola súa banda, Duelo Menor agradeceu ao alcalde a achega municipal “sen a cal non sería posible o mantemento da Fundación” e destacou a súa relevancia desde o punto de vista científico, cultural e social. O almirante sinalou que se trata “dun dos museos máis visitados de Galicia” e apostou por seguir traballando de forma “conxunta” con Concello de Ferrol co obxectivo de impulsar a entidade. Acudiron tamén á firma do convenio o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, e o xerente da Fundación Exponav, José María Cardona Comellas.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar