Novas

xoves, 15 de outubro de 2020

O Concello retirou en cinco días máis de 2.600 kg de produtos na Gran Recollida para o Banco de Alimentos

A edil de Benestar Social, Eva Martínez Montero, explicou que esta semana e a próxima seguen participando as cadeas Lidl e Eroski e durante un mes Carrefour, Supercor, Gadis e os mercados municipais da Magdalena, Recimil e Caranza. Os establecementos participantes están sinalados cun cartel informativo da campaña, que busca aumentar as reservas da entidade, sobre todo de leite, colacao, galletas, conservas, aceite, fariña, legumes e azucre


O Concello de Ferrol puxo en marcha o pasado sábado unha gran recollida de produtos para doar ao Banco de Alimentos Rías Altas e deste modo contribuír ao aumento das súas reservas. Os concelleiros de Benestar Social, Eva Matínez Montero, e de Seguridade, Germán Costoya, acudiron o primeiro día da campaña ao mercado da Magdalena para iniciar así unha recollida que desde entón retirou máis de 2.600 quilos de produtos doados polas persoas que acoden aos establecementos participantes —identificados co cartel indicativo— e mercan alimentos para o banco. No total xa retirado están incluídos os 548 doados pola cadea Alcampo. Durante esta semana e a próxima seguirán participando Lidl e Eroski e durante un mes Carrefour, Supercor, Gadis e os mercados municipais da Magdalena, Recimil e Caranza.


Pola súa banda, se ben Mercadona non participa directamente na campaña, realizará unha doazón cos produtos que escaseen tras finalizar a gran recollida. 

Unha campaña sen voluntarios 
Nesta ocasión, e como consecuencia das restricións sanitarias motivadas pola covid-19, a campaña de recollida de alimentos desenvólvese sen apenas voluntarios nos establecementos, o que dificulta que os clientes coñezan a iniciativa, segundo indicou a concelleira de Benestar Social, “pero a sociedade ferrolá é moi solidaria, xa o demostrou en numerosas ocasións”, apuntou, e “agradecemos unha vez mais a súa resposta para axudar aos máis vulnerables da nosa cidade”. Só no día de onte recolléronse preto de 600 quilos de alimentos. 

O Banco de Alimentos axuda a preto de 4.000 persoas a través das 40 asociacións ás que subministra alimentos. De novo, é a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) a encargada de recoller os alimentos dos establecementos participantes e trasladalos á nave do banco, no polígono industrial da Gándara. As súas necesidades máis inmediatas son leite, colacao, galletas, conservas, aceite, fariña, legumes e azucre, entre outras. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar