Novas

venres, 16 de outubro de 2020

Antonio Golpe anuncia que o Concello reparará a cuberta do pavillón da Casa do Deporte

O concelleiro responsable da área informou hoxe aos grupos municipais na comisión informativa que a intervención contará cun orzamento de preto de 48.306,18 euros (ive incluído) e adxudicarase este mesmo ano. O edil trasladoulles hai uns días á oposición as deficiencias máis urxentes detectadas nas instalacións deportivas da cidade, froito da falta de mantemento dos últimos anos. Ademais de intervir na dependencia de Caranza, o Concello tamén actuará proximamente nas pistas de atletismo da Malata e no pavillón de Esteiro


O concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, anunciou esta mañá aos grupos da oposición na comisión informativa de Cultura, Educación, Deportes e Festas que o Concello vai adxudicar este mesmo ano a reparación da cuberta do pavillón da Casa do Deporte, en Caranza. O Concello detectou unha serie de deficiencias en dita dependencia municipal tras elaborar un detallado informe do estado das instalacións deportivas e das intervencións necesarias máis inmediatas. 


Na Casa do Deporte observáronse problemas de entrada de auga por varios puntos da edificación, deficiencias na cuberta, canalóns en mal estado e humidades na parte baixa das duchas dos vestiarios. A intervención prevista polo Concello, que se adxudicará antes de que remate o presente ano por un importe de licitación de 48.306,18 euros (ive incluído), contempla polo tanto a substitución dos lucernarios da cuberta, dos canalóns e da porta de entrada. Tamén se actuará nas duchas. “A nosa intención”, dixo Golpe, “é reparar as deficiencias máis urxentes que arrastran as nosas dependencias deportivas desde hai moitos anos froito da falta de mantemento dos últimos tempos”. 

O concelleiro informou desta e de outras tantas intervencións previstas para os próximos meses. Tamén a corto prazo repararanse as pistas de atletismo da Malata por un importe preto aos 34.200 euros, unha actuación que o edil considera tamén “de vital importancia” tendo en conta o número de usuarios que rexistran. Tras restaurar a cuberta da Casa do Deporte, o Concello ten previsto continuar poñendo a punto as instalacións deportivas coa reparación do pavillón de Esteiro, que tamén sufre entradas de auga, e cuxa intervención está valorada en 155.000 euros

“Aposta firme” pola mellora das dependencias deportivas 
Golpe trasladou á oposición a “aposta firme” do goberno local pola posta a punto das dependencias deportivas, polo que o Concello ten a vontade de continuar coas reparacións recollidas no informe elaborado pola concellería de Deportes. Recolle unha intervención no pavillón da Malata, por máis de 372.000 euros (ive incluído), en Fimo, por máis de 252.000 euros, na Nave da Cabana —nas tres dependencias do Grupo Bazán-Vela, Remo San Felipe e A Cabana— por unha cantidade global de 325.000 euros, no campo de fútbol da Gándara, por preto de 180.000 euros, o arranxo do campo de fútbol de Aneiros (Serantes), por máis de 131.000 euros, e reparacións no pavillón do Ensanche, por preto de 51.500 euros. 

Ao marxe das futuras intervencións, o Concello rematou as obras no pavillón de Santa Mariña para eliminar pingueiras e cambiar as portas de acceso, xa acondicionou vestiarios para árbitros no pavillón da Malata e adquiriuse material para instalacións deportivas, tanto para a práctica de atletismo como un novo túnel de vestiario de protección para Caranza trasladable a outras instalacións deportivas. Do mesmo feito executáronse numerosas reparacións para abordar incidencias do día a día. Na comisión de Deportes abordouse a necesidade de solicitar a implicación da Xunta para acometer intervencións de maior envergadura nas dependencias deportivas da cidade. 

Renovación do estadio municipal da Malata 
A isto súmase que o Concello de Ferrol renovará o estadio municipal da Malata co apoio económico da Deputación da Coruña, tal e como anunciaron o alcalde, Ángel Mato, e o presidente do organismo provincial, Valentín González Formoso, tras percorrer as instalacións deportivas a pasada semana. A Deputación aprobará no pleno deste mes unha partida próxima aos 500.000 euros para colaborar no financiamento dun proxecto que, dada a súa envergadura, está previsto que se desenvolva en varias fases. O obxectivo é, a través dunha remodelación moi ambiciosa, mellorar tanto a estética como a seguridade das instalacións e poñer en uso espazos que agora mesmo non están habilitados.




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar