Novas

sábado, 17 de outubro de 2020

Julián Reina revisou con responsables da empresa adxudicataria a reparación e substitución de marquesiñas

O concelleiro de Urbanismo incidiu, entre outros aspectos, nas condicións de accesibilidade que deben ter as paradas de bus


Julián Reina revisou con responsables da empresa adxudicataria a reparación e substitución de marquesiñas

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, realizou esta semana varias visitas a paradas de autobús nas que se están reparando ou substituíndo marquesiñas. Nun dos seus percorridos estivo acompañado por responsables da empresa que está levando a cabo os traballos, que lle explicaron que nestes momentos se está completando a creación de novas bases de formigón nos puntos nos que é necesario e próximamente se van instalar novas marquesiñas ou as antigas reparadas. 


Reina incidiu especialmente sobre a necesidade de que as paradas nas que se está actuando desta maneira dispoñan dunhas condicións de accesibilidade axeitadas, polo que estivo analizando coa adxudicataria diferentes posibilidades para acadalo, sobre todo, en lugares que carecen de suficiente espazo.

 A reparación e reposición de marquesiñas de autobuses foi adxudicada por 128.408,96 euros (IVE incluído). Contempla actuar sobre máis de medio centenar de instalacións de todo o territorio municipal, a maioría no rural. Tamén a substitucións de varias delas cuxo estado de conservación está moi deteriorado. Onde se colocan novas marquesiñas, estas teñen 4,20 de longo, 1,75 de ancho e unha altura máxima de 2,57 e mínima de 2,34 metros. O resto están a ser reparadas, repoñendo asentos, cachotería, táboas de madeira, paneis acristalados, segundo o caso, e pintando a estructura. Ademais, lévaranse a cabo labores de limpeza en todas as marquesiñas e o seu entorno. Segundo informou a empresa ao concelleiro, as obras están a cumprir os prazos. A garantía, que se contará a partir da data de recepción da obra, será dun ano.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar