Novas

sábado, 17 de outubro de 2020

Adiprope apoia a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial e establece un marco de colaboración co Concello

A Asociación para a Difusión e Promoción do Patrimonio Mundial de España, que preside Ignacio Buqueras y Bach, vén de publicar na súa páxina web un artigo sobre a proposta local que explica os bens que optan a esta declaración, os motivos xustificativos e o estado actual do expediente. A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, agradeceu o respaldo “dunha entidade de prestixio que conta con profesionais expertos en patrimonio”


Adiprope apoia a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial e establece un marco de colaboración co Concello

Adiprope (Asociación para a Difusión e Promoción do Patrimonio Mundial de España) apoia a candidatura ‘Ferrol, Porto da Ilustración’ a Patrimonio Mundial a través da divulgación ao longo deste mes de outubro da declaración do patrimonio mundial de Galicia, na que se atopa a proposta ferrolá, ademais da de Ribeira Sacra, e establece un marco de colaboración co Concello de Ferrol co fin de dar a coñecer a proposta local.


A primeira mostra deste apoio é a publicación esta mesma semana na súa páxina web, no apartado Comunicación (https://adiprope.org/articulos/), dun artigo sobre a candidatura ferrolá, no que se explican os bens que optan a dita declaración, os motivos que o xustifican e a situación actual do expediente da proposta. 

A concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, mostrouse moi agradecida por ter a oportunidade de contar co respaldo “dunha asociación de prestixio como Adiprope, formada por profesionais expertos en patrimonio”. A entidade, presidida por Ignacio Buqueras y Bach —empresario, académico, escritor, economista e doutor en Ciencias da Información — é “facilitar e o mellor coñecemento do patrimonio mundial español, coidalo e promovelo”. A edil anunciou que dito apoio súmase a outras iniciativas de divulgación da candidatura nas que traballa actualmente o Concello.  

Reunión a finais de mes coa directora xeral de Patrimonio Cultural 
A concelleira anunciou que o próximo 27 de outubro manterá unha reunión de traballo coa directora xeral de Patrimonio Cultural de Xunta, María del Carmen Martínez Ínsua, co fin de “marcar o camiño que a partir de agora debe seguir o expediente da candidatura de Ferrol, xa ultimado”, explicou Martínez Montero. Neste senso, lembrou que o pasado mes de febreiro o actual conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, comprometeuse co alcalde de Ferrol, Ángel Mato, a traballar conxuntamente para impulsar a candidatura a patrimonio mundial de ‘Ferrol, Porto da Ilustración’. Na súa visita a Ferrol, dixo a edil, “non só fixo público o apoio á candidatura da nosa cidade, senón que asegurou que, despois de Ribeira Sacra, a nosa sería a seguinte proposta en impulsar”. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar