Novas

domingo, 18 de outubro de 2020

Ángel Mato mostra no acto de irmandade con Mondoñedo o seu apoio aos traballadores de Alcoa

O alcalde de Ferrol encabezou a representación da corporación municipal na tradicional visita á cidade lucense con motivo das San Lucas. A causa da situación sanitaria, a visita institucional desde ano non incluíu o tradicional paseo pola cidade e a visita á feira, pero si unha ofrenda floral no mausoleo de Pascual Veiga


Ángel Mato mostra no acto de irmandade con Mondoñedo o seu apoio aos traballadores de Alcoa

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, encabezou esta mañá a representación da corporación municipal no acto que da cumprimento á irmandade con Mondoñedo na celebración da festa das San Lucas. Acompañaron ao rexedor o voceiro do grupo municipal do PSOE e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, e o portavoz do grupo do PP, José Manuel Rey. A comitiva ferrolá foi recibida polo alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, e os membros da corporación que preside. A continuación, no salón de plenos do Concello, o rexedor mindoniense agradeceu a presenza do alcalde e dos concelleiros ferroláns. Otero dixo que ambas cidades manteñen o mesmo sentimento de irmandade nestas circunstancias difíciles. Na súa intervención, o rexedor lembrou ás vítimas da covid e defendeu a continuidade da planta de Alcoa, pero tamén dedicou unha parte a destacar a “maxia” das San Lucas. 


Pola súa banda, Mato, que comezou a súa intervención asegurando que a renovación da irmandade entre Mondoñedo e Ferrol é este ano un motivo de “ledicia empañado polos padecementos que soporta dende hai meses a nosa sociedade en particular e o mundo en xeral”, lembrou a aquelas persoas que “nos deixaron a causa da epidemia” e agradeceu o traballo de todos os que “dende o pasado inverno combaten a covid-19 nos hospitais ou na rúa prestando, moitísimas veces máis alá da súa obriga, servizos esenciais”. Tamén o alcalde ferrolán tivo palabras de apoio para os traballadores de Alcoa, unha empresa cuxo incerto futuro afecta tanto á Mariña como a Ferrolterra. 

Destacou a importancia de continuar coas “nosas tradicións, as nosas festas e a nosa cultura” e felicitou ao pobo de Mondoñedo por “darlle continuidade neste complicado 2020 ás San Lucas” e manter a “esencia” dunha tradición de case nove séculos. Mato repasou a relación “histórica” de dous pobos que forman parte “dunha mesma realidade xeográfica e demográfica que constitúe todo o norte de Galicia” e desexou que o próximo ano sexa posible “gozar todos xuntos” da “incomparable feira” que tradicionalmente acompaña a festa. 

Tras os discursos, ambos alcaldes intercambiaron agasallos institucionais. O de Mondoñedo para Ferrol consistiu nunha figura dun gaiteiro das San Lucas e un exemplar de Novelovento, con letra de Álvaro Cunqueiro e música de Emilio Rúa. Mato entregoulle a Otero unha resproducción da porta de Bazán, unha biografía de Concepción Arenal, unha guía da ruta de Andrés Comerma en unha bolsa do Día da Muller Rural, celebrado esta mesma semana. 

Nesta ocasión, debido á situación sanitaria pola pandemia, a visita institucional non incluíu o tradicional paseo polas rúas da cidade e á feira. Pero, logo da cerimonia no Concello, a comitiva achegouse ao cemiterio para participar, da man da Fundación Pondal e a Asociación As San Lucas, na ofrenda floral no mausoleo de Pascual Veiga.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar