Novas

domingo, 01 de novembro de 2020

A Policía Local de Ferrol colabora coa de Fene e coa Nacional para controlar os desprazamentos de persoas

Dende o venres, os axentes municipais só formularon dúas denuncias por infrinxir o peche perimetral dos concellos


A Policía Local de Ferrol colabora coa de Fene e coa Nacional para controlar os desprazamentos de persoas

A Policía Local de Ferrol está realizando esta fin de semana controis sobre o desprazamento de persoas logo de que o pasado venres pola tarde a Xunta de Galicia ordease o peche perimetral de Ferrol, Narón, Fene e Neda. Así, ademais das tarefas habituais, o corpo municipal colabora coa Policía Nacional e coa de Fene en distintos operativos. Dende onte, os axentes ferroláns están asumindo o control de entrada e saída á cidade dende a AG-64, onde onte á tarde impuxeron dúas denuncias por infrinxir ese peche perimetral. Nese mesmo lugar, as patrullas locais traballaron conxuntamente esta mañá coas do Corpo Nacional de Policía, e está previsto que pola tarde o volvan facer, posiblemente noutra zona distinta. 


Respecto dos dispositivos organizados co veciño concello de Fene, consistiron en puntos estáticos de control durante as mañás de onte e de hoxe. Centráronse na FE-14, que une ambos municipios a través da ponte das Pías. 

Ademais dos controis de tráfico, esta noite foron denunciadas 9 persoas por non respectar o horario restrinxido á libre circulación. Unidas á proposta para sanción na noite do venres ao sábado, suman 10 durante esta fin de semana por este tipo de incumprimento. Entre as denuncias figuran outras dúas por non empregar a máscara  obrigatoria na vía pública ou en establecementos públicos. Deste modo, entre o venres e a mañá de hoxe a Policía Local de Ferrol formulou un total de 14 denuncias por incumprimentos relacionados coa normativa anticovid.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar