Novas

luns, 02 de novembro de 2020

Mato pídelles á Xunta e á Deputación que habiliten axudas aos negocios para complementar os case dous millóns de euros que xa concedeu o Concello

O alcalde lembra o esforzo económico que está facendo Ferrol para protexer aos seus autónomos e pequenas empresas e solicita a colaboración das dúas Administracións para dar soporte a sectores coma a hostalería, “un dos máis castigados”. O rexedor apoia as reclamacións destes profesionais e avanza que o seu equipo, de ser o caso, buscaría o xeito de contribuír ás medidas que poidan poñer en marcha tanto a comunidade autónoma como a institución provincial


Mato pídelles á Xunta e á Deputación que habiliten axudas aos negocios para complementar os case dous millóns de euros que xa concedeu o Concello

Ante as novas medidas postas en marcha para conter a propagación da covid-19, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, avanzou esta mañá que o Concello está estudando o xeito de prestar axuda aos sectores que se prevén máis afectados economicamente, coma o da hostalería. De feito, explicou, no mesmo momento no que se abriu a perspectiva dun endurecemento das restriccións, hai xa semanas, o equipo de goberno comezou a analizar diferentes posibilidades. Nos últimos días, o rexedor estivo en permanente contacto cos responsables dos servizos económicos e financeiros do Concello e coa concelleira de Facenda, María Teresa Deus, cos que mantivo hoxe mesmo unha nova xuntanza.


Previamente, reuniuse cos voceiros dos grupos políticos municipais para avanzarlles as liñas de traballo que segue o equipo de goberno para prestar apoio a sectores coma o comercio, a restauración, o ocio nocturno, a cultura o turismo e, en xeral, o tecido de pequenas empresas e autónomos da cidade. Tamén para analizar con eles as diferentes posibilidades que están sobre a mesa. 

Nestes momentos, a Administración local ferrolá está pechando a segunda convocatoria das axudas PAME, cun desembolso que rolda os dous millóns de euros. Ademais, o gasto social disparouse debido ás necesidades creadas pola pandemia, e outros servizos municipais tiveron que facer fronte a numerosas facturas relacionadas coa covid. En total, segundo detallou Mato, o gasto relacionado coa epidemia está próximo ao que o Concello destina a investimentos. Por todo elo, o alcalde demandou esta mañá a colaboración tanto da Xunta de Galicia como da Deputación da Coruña para prestar axuda aos negocios. Así, solicita de ambas Administracións que poñan en marcha liñas de axudas económicas. Pese a que atender a situación sanitaria “é o máis urxente e o máis importante” e hai que evitar por todos os medios a saturación dos hospitais, dixo o rexedor ferrolán, o Concello non perde de vista “os prexuízos a negocios que nalgúns casos incluso teñen que pechar as portas” e ao tecido cultural, que tamén está a soportar as consecuencias da loita contra a enfermidade. 

O alcalde dixo que entende aos profesionais que reclaman axudas para enfrontar unha situación “ás veces extrema” e mostroulles o seu apoio, tal e como lles manifestou o domingo a varios hostaleiros na praza de Armas, tras a concentración que fixeron ante o pazo municipal, cos que tamén compartiu a súa preocupación. “É importantísimo que neste momento todas as Administracións traballemos conxuntamente para prestarlles axuda. Temos a obriga de colaborar”, insistiu Ángel Mato.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar