Novas

luns, 02 de novembro de 2020

O Concello constitúe un equipo técnico de traballo para axilizar as licenzas do taller de subbloques e outras instalacións do Estaleiro 4.0

O concelleiro de Urbanismo e voceiro do goberno local, Julián Reina, considera que “posiblemente o Concello non ten agora mesmo enriba da mesa outro proxecto máis importante que este para a nosa cidade”


O Concello constitúe un equipo técnico de traballo para axilizar as licenzas do taller de subbloques e outras instalacións do Estaleiro 4.0

O Concello de Ferrol constituíu a semana pasada un equipo de traballo integrado por técnicos municipais e xuristas do departamento de Urbanismo co fin de axilizar a tramitación das licencias necesarias para iniciar o Estaleiro 4.0: unha para o macrotaller de subbloques e outra para tres novas naves, entre elas unha de chorreo. 


Así o anunciou esta mañá o concelleiro de Urbanismo e voceiro do goberno local, Julián Reina, quen insistiu en que “posiblemente Concello non ten agora mesmo enriba da mesa outro proxecto máis importante para a nosa cidade”, polo que, asegurou, “démoslle prioridade absoluta”. A intención é “que a modernización do noso estaleiro sexa unha realidade o antes posible”, comentou o concelleiro. O pasado venres xa tivo lugar a primeira reunión de traballo con representantes de Navantia unha vez a empresa presentara os dous estudios de detalle necesarios para iniciar a tramitación de ambas licenzas. 

O concelleiro tamén informou dos asuntos tratados na reunión telemática desta mañá da Mesa de Contratación Permanente, na que se avanzou no proxecto da reurbanización da rúa Espartero coa apertura do sobre das ofertas cuantificables. A remodelación de dita vía, no conxunto histórico do barrio de Ferrol Vello, é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. 

A mesa tamén abordou os proxectos de subministro, instalación e desinstalación da iluminación ornamental da campaña de Nadal; o de subministración de materiais, ferramentas e pequenas máquinas para reparacións, conservación e mantemento de edificios pola cuadrilla municipal de obras e tamén o aglomerado de tramo na estrada Brión-Liñares-Martín-Espiño, unha actuación incluída no POS Adicional 2017.

Chamamento á responsabilidade individual 
Reina aproveitou a súa comparecencia para volver a pedir á cidadanía “responsabilidade individual” para combater a propagación da covid-19 en Ferrol e indicou que o dispositivo de seguridade no cemiterio posto en marcha polo Concello de Ferrol esta fin de semana con motivo da celebración de Todos os Santos e Difuntos transcorreu “sen incidentes e con baixa afluencia”, polo que felicitou o “comportamento exemplar da poboación”. 

Tamén informou dos controis en estradas nos que participou a Policía Local esta fin de semana, oito en total: 2 en colaboración coa Policía Local de Fene e no territorio municipal de Fene, 2 coa Policía Nacional en Ferrol e 4 en solitario en Ferrol. En total, tramitáronse durante a fin de semana 17 denuncias: 10 por incumprir o horario nocturno, 2 por non xustificar o desprazamento fóra do perímetro e outros 5 por non usar máscara na vía pública.







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar