Novas

mércores, 04 de novembro de 2020

O Concello e a Deputación coordinarán novas liñas de axudas ao tecido empresarial ferrolán por valor de dous millóns de euros

Aos remanentes das arcas locais unirase unha aportación provincial para duplicar os actuais fondos destinados a paliar os efectos da pandemia da covid-19 entre autónomos e pemes. Os servizos económicos municipais traballan nunhas bases de convocatoria que dean resposta á situación que atravesan sectores coma o comercio, a hostalería, o ocio ou a cultura


O Concello e a Deputación coordinarán novas liñas de axudas ao tecido empresarial ferrolán por valor de dous millóns de euros

Os negocios de Ferrol máis afectados pola crise económica derivada da loita contra a covid-19 poderán optar a unha nova liña de axudas que van coordinar o Concello e a Deputación. Trátase dun fondo que estará próximo aos dous millóns de euros, dos que entre 1,2 e 1,3 procederan dos remanentes municipais, que serán completados cunha aportación provincial en torno aos 700.000 ou 800.000 euros. A falta de pechar definitivante esa distribución, ambas Administracións traballan xa tanto na elaboración das bases da convocatoria, no que respecta ao Concello, como na fórmula máis áxil para materializar esa contribución, no caso da Deputación. 


O alcalde, Ángel Mato, e o presidente provincial, Valentín González Formoso, mantiveron esta mañá unha reunión para analizar a situación xerada pola pandemia e concretar unha iniciativa sobre a que veñen mantendo conversas durante os últimos días. Para o rexedor ferrolán, hai unha serie de negocios que se atopan nun punto “crítico”. “A situación ten moitas derivadas. Aínda que o primeiro é a saúde das persoas, estamos francamente preocupados polos sectores económicos afectados durante todo este tempo, tanto no confinamento como despois, especialmente agora que a comarca está nesta situación respecto da mobilidade”, relatou Mato para explicar que foron estas circunstancias as que o levaron a facer un chamamento ás outras Administracións para que axuden “a dar unha resposta”. Por iso agradeceu ao presidente provincial “a súa celeridade” en dala.  

O máis importante, dixo, é traballar “o máis axiña posible” en establecer novas axudas que palíen a situación dos autónomos e das pequenas empresas que están quedando nunhas condicións moi precarias. De feito, xa hai semanas que os servizos económicos do Concello comezaron a elaborar bases “compatibles coas subvencións que xa se están entregando”, precisou. Tamén reiterou o seu chamamento á Xunta para que concrete “axiña” as axudas “que ten avanzado” para, entre todas as Administracións, “non deixar sos a estes sectores” e acadar o obxectivo de “manter ese tecido de pequenas e medianas empresas que fan que Ferrol sexa unha cidade”.

Arredor de tres millóns para as cidades 
O presidente da Deputación asegurou, pola súa parte, que “a capacidade de resposta que teñamos entre todas as Administracións vai ter moito que ver co resultado da supervivencia dos negocios abocados ao peche temporal”. Por iso insistiu en que “as restricións teñen que levar aparelladas axudas que permitan sobrevivir”, e debe tratarse de “axudas coordinadas” en canto ao contido das súas bases para que unhas non limiten ás outras. González Formoso sumouse a Mato á hora de insistir en que tamén a Xunta, “tendo competencias en materia de emprego, industria e comercio”, debe concretar as subvencións que anunciou en datas recentes e convocalas “canto antes”. 

En canto á aportación provincial á liña na que traballa o Concello, o presidente detallou que forma parte dunha partida de tres millóns de euros destinada “excepcionalmente” ás tres grandes cidades: A Coruña, Santiago e Ferrol. Explicou tamén que foi Ángel Mato “o primeiro alcalde” que, o pasado venres, se puxo en contacto con el para pór enriba da mesa esa posibilidade e que “neste tempo a Deputación estivo traballando nesa partida” que complementará os plans dos tres concellos. “Hai que ser positivos, ter esperanza, pero sobre todo materializar este esforzo a curto prazo, con coordinación”, rematou o presidente da Deputación.
 
Duplicar as axudas da Administración local 
A nova liña de axudas anunciada por Mato e González Formoso ten como obxectivo paliar a difícil situación pola que atravesan diferentes sectores da economía local. O alcalde mencionou especialmente o da hostalería, unha actividade á que se dedican arredor de cincocentos negocios do municipio ferrolán, pero non esqueceu, entre outros, o comercio, o ocio ou a cultura. 

O rexedor lembrou que o Concello, xa dende o primeiro estado de alarma, implementou varias medidas co obxectivo de paliar a diminución de ingresos dos negocios locais. Entre elas, o PAME, un plan a través do que xa se abonaron máis de 1,7 millóns de euros a autónomos e pequenas empresas e que neste momento, nunha segunda convocatoria, está resolvendo a concesión de preto de 300.000 euros máis. Tamén destacou as bonificacións en materia de abastecemento de auga, saneamento e terrazas en períodos nos que os establecementos non puideron desenvolver a súa actividade con normalidade, uns beneficios fiscais que cifrou en máis de 150.000 euros. 

Agora, o obxectivo é, practicamente, duplicar os recursos que se dedicaron ao tecido económico da cidade como medida de emerxencia fronte aos efectos da pandemia, porque, “como Administración máis próxima, entendemos que, coa colaboración da Deputación, temos que facer fronte á situación”, dixo o alcalde.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar