Novas

mércores, 04 de novembro de 2020

O Concello rozou máis de 33.000 metros de vías municipais dende o inicio do plan, hai dúas semanas

Os traballos, a falta da revisión preceptiva, concluíron en Santa Icía e Leixa e continúan en Mandiá e Marmancón. O goberno local informou esta mañá en comisión informativa dos progresos no arranxo de marquesiñas das paradas de bus


A Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación reuniuse esta mañá de xeito telemático e en sesión ordinaria para que o goberno local informase aos grupos municipais de diferentes cuestións relacionadas con estes departamentos do Concello. Entre outros asuntos, os concelleiros Julián Reina e Ana Lamas deron conta, respectivamente, da concesión de varias licencias, da evolución do plan de rozas e da reparación de marquesiñas nas paradas de autobús. 


No referido á limpeza das vías municipais nas parroquias, dende o pasado 19 de outubro, cando se puxo en marcha o plan de rozas desta tempada, actuouse xa sobre 33.559 metros lineais. Os traballos concluíron nas zonas de Santa Icía e Leixa, aínda que está aberto o período de revisión por se fose necesario levar a cabo algún repaso puntual. Mentres, en Mandiá e Marmancón os labores estanse desenvolvendo nestes momentos. En paralelo, xa está en marcha a planificación da limpeza de gabias. 

En canto á reparación das marquesiñas, un contrato que servirá para acadar melloras en máis de medio cento destas instalacións, en semanas previas avanzouse na reposición de cristais, construción de bases e incluso substitucións nos casos nos que era necesario. En detalle, e tal e como se explicou dende o goberno local, en dez marquesiñas procedeuse á substitución de vidros danados, tanto laterais como da cuberta, e en dúas delas foi necesario tamén cambiar tubos de aceiro inoxidable que forman parte da estrutura. En outros cinco casos reemplazáronse pezas de policarbonato. Tamén houbo que retirar seis marquesiñas para, antes de repoñelas, construír bases de formigón armado e con rampas para facilitar a accesibilidade. En tres puntos procedeuse á retirada, a reparación da base e a instalación de novas marquesiñas, e en dous, nos que non era necesario actuar sobre o chan, substituíronse directamente. Por último, decidiuse desbotar unha marquesiña que estaba moi deteriorada e na actualidade non tiña uso. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar