Novas

xoves, 05 de novembro de 2020

O alcalde analizou cos portavoces dos grupos municipais a situación epidemiolóxica e informounos das novidades sobre axudas económicas

A reunión da Xunta de Voceiros desta mañá serviu para darlles continuidade aos asuntos tratados na do pasado luns


O alcalde analizou cos portavoces dos grupos municipais a situación epidemiolóxica e informounos das novidades sobre axudas económicas

O alcalde, Ángel Mato, presidiu esta mañá a segunda reunión da Xunta de Voceiros nesta semana. Convocouna para informar aos portavoces dos grupos políticos da súa reunión de onte co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, na que pecharon unha colaboración entre ambas Administracións para implementar un programa de axudas aos sectores da economía local máis afectados pola pandemia. Tamén para analizar con eles a situación epidemiolóxica da cidade e as novas restricións anunciadas pola Xunta de Galicia. Mato insistiu en que “o primeiro é a saúde e evitar a saturación dos hospitais”, pero ao tempo as institucións deben atender “a quen teñen que enfrontar máis sacrificios e prexuízos para lograr ese obxectivo común”. Por iso, volveu chamar á colaboración entre todas Administracións. 


Tal e como o rexedor lles avanzou o pasado luns aos voceiros, dende que se abriu a persepectiva dun endurecemento das restriccións, hai varias semanas, o equipo de goberno comezou a estudar diferentes posibilidades para por en marcha novas subvencións destinadas a autónomos e pequenas empresas da cidade, coa intención de soster, na medida das posibilidades do Concello, o tecido económico local nun momento crítico. Respecto desta cuestión, na reunión do luns, os grupos políticos mostraron o seu acordo e trasladaron diferentes aportacións. Hoxe, Mato deulles conta dos pasos que se están a dar dende os servizos económicos municipais para tratar de habilitar as axudas o antes posible. O alcalde fixo especial mención á situación que padecen a hostalería, o ocio e a cultura, con moitas empresas abocadas a quedar sen actividade debido ás medidas para loitar contra a covid-19, pero tamén ao comercio, que ve reducida a súa facturación ás portas da campaña de Nadal. 

Neles se vai centrar o programa de apoio que prepara o Concello e que, coa aportación da Deputación da Coruña, espérase que teña unha dotación económica en torno aos dous millóns de euros. Esta cantidade significaría duplicar a do PAME, que xa pagou 1,7 millóns de euros entre os afectados pola primeira onda da pandemia e nestes momentos está a resolver a concesión de case 300.000 euros máis. A maiores, os afectados puideron acollerse a diferentes beneficios fiscais, unha medida que o goberno local quere reeditar. 

Á marxe das axudas directas, Mato tamén tratou cos grupos políticos a posta en marcha de programas destinados a incentivar o comercio, e, en canto á área de Benestar, tras a reunión avanzou que se están analizando as necesidades dos servizos sociais do Concello derivadas desta segunda onda da covid-19.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar