Novas

xoves, 05 de novembro de 2020

A edil de Promoción Económica abre un curso sobre emprendemento no marco do programa municipal ‘Ferrol Cidade Viva’

María Teresa Deus participou esta mañá na xornada inaugural dunha iniciativa posta en marcha pola asociación de empresarios AJE a través das subvencións outorgadas polo Concello para promover o tecido económico da cidade


A edil de Promoción Económica abre un curso sobre emprendemento no marco do programa municipal ‘Ferrol Cidade Viva’

A concelleira de Economía, Facenda e Patrimonio, Recursos Humanos, Emprego, Promoción Económica e Turismo, María Teresa Deus, participou esta mañá na sesión telemática inaugural do curso ‘Adiante Ferrol’ posto en marcha pola asociación AJE Ferrolterra Jóvenes Empresarios a través das subvencións outorgadas polo Concello de Ferrol no marco do programa municipal ‘Ferrol Cidade Viva’. 


A edil deu a benvida aos participantes e lembrou a necesidade de “impulsar e potenciar o desenvolvemento de proxectos empresariais na nosa cidade” ao tempo que insistiu na importancia de “dar a coñecer ferramentas e estratexias de negocios que axuden a sacar adiante novas iniciativas”. 

O programa ‘Ferrol Cidade Viva’ é unha iniciativa posta en marcha polo Concello co obxectivo de impulsar o tecido económico da cidade e contribuír á procura da sustentabilidade dos negocios e a súa reactivación. O plan municipal busca dotar aos comerciantes, hostaleiros e emprendedores das ferramentas que permitan maximizar todo o posible o rendemento dos seus negocios a través de formación, asesoramento individualizado e da promoción do comercio local desenvolvida no último mes polo Concello. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar