Novas

venres, 06 de novembro de 2020

O goberno local promove novas bonificacións fiscais para paliar os efectos da crise

O mércores levará a un pleno extraordinario a modificación de catro ordenanzas para aplicar beneficios tributarios aos sectores máis prexudicados pola situación económica. Os negocios dos sectores da hostalería, o comercio, a cultura e os espectáculos contarán cunha redución do 20 % do imposto de bens inmobles para todo o exercicio 2021 Non se cobrará a taxa por ocupación por mesas e cadeiras (licenza de terrazas) durante todo este ano e tampouco nos meses do próximo nos que estea en vigor o estado de alarma


O goberno local promove novas bonificacións fiscais para paliar os efectos da crise

O goberno local de Ferrol acaba de pechar unha serie de medidas fiscais que vai someter á corporación o próximo mércores, 11 de novembro. O alcalde, Ángel Mato, convocou esta mañá un pleno extraordinario co obxectivo de que eses beneficios se poidan aprobar “canto antes” e, dese xeito, orientar o esforzo dos servizos económicos do Concello “ás demais iniciativas nas que estamos traballando para apoiar aos sectores máis prexudicados por esta crise”. Por ese motivo, o rexedor solicitou “o voto favorable e unánime a estas modificacións das ordenanzas”. Ao tempo, reiterou o seu agradecemento a todos os grupos políticos pola boa disposición que mostraron nas reunións da Xunta de Voceiros celebradas esta semana para abordar toda a problemática relacionada coa pandemia. Nelas, Mato xa avanzou as liñas de traballo nas que estaba avanzando a área económica e fiscal do Concello, que dirixe a concelleira María Teresa Deus, dende que se detectou un empeoramento da situación, e hoxe mesmo, en canto estivo preparada a proposta ao pleno, deulles traslado de toda a documentación aos portavoces para que a poidan analizar.

Nela contémplase a modificación de catro ordenanzas. Unha delas é a propia
ordenanza fiscal xeral, que se cambiaría para posibilitar que en situacións excepcionais e que impliquen urxencia na adopción de medidas, como a que se vive agora, non sexa necesario modificar cada unha das outras ordenanzas co fin de establecer bonificacións en taxas e impostos, senón que, co fin de axilizar trámites, unicamente sexa necesario someter ao pleno a aprobación das medidas que se decidan adoitar.

A maiores, someterase á aprobación da corporación a modificación da ordenanza número 1, reguladora do imposto de bens inmobles, de xeito que se establecería unha redución do 20 % neste tributo aos negocios de hostalería, comercio, cultura e espectáculos para todo o ano 2021. O primeiro destes sectores tamén se poderán beneficiar da nova redacción da ordenanza número 19, reguladora da taxa por ocupación por mesas e cadeiras con finalidade lucrativa do dominio público, máis coñecida como “taxa de terrazas”. O Concello, que xa eximira do pago entre marzo e setembro deste ano, vai ampliar o período a todo o 2020 e aos meses do 2021 nos que estea vixente o estado de alarma.

Imposto de actividades económicas
A proposta ao pleno tamén afecta á ordenanza número 4, reguladora do imposto de actividades económicas (IAE). Para este gravame vanse aplicar diferentes bonificacións que se establecerán en función de parámetros como a contratación de traballadores, a implantación dunha nova empresa ou a ampliación dunha xa domiciliada no municipio ferrolán. Contémplanse contías fixas por posto de emprego creado, con incrementos en función do número dos mesmos, e outros beneficios que en determinados casos poden alcanzar ata o 95 % do tributo.

O alcalde destacou que se trata dun paquete de medidas que vai supoñer un esforzo “importante” para as arcas municipais debido á minoración de ingresos que vai implicar, pero entende que se trata de medidas “absolutamente necesarias”. Insistiu, á vez, en que o goberno local quere “esgotar todas as posibilidades para prestar apoio a quen máis o está necesitando” e que espera poder poñer en marcha canto antes o resto de medidas de axuda que se están preparando.

Novo programa de subvencións
Neses sectores que atravesan unha grave crise se vai centrar o programa de subvencións que prepara o Concello e que, coa aportación da Deputación da Coruña, espérase que teña unha dotación económica en torno aos dous millóns de euros. Esta cantidade significaría duplicar a do PAME, que xa pagou 1,7 millóns de euros entre os afectados pola primeira onda da pandemia e nestes momentos está a resolver a concesión de case 300.000 euros máis. A maiores, os afectados puideron acollerse a diferentes beneficios fiscais, unha medida que o goberno local quere reeditar.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar