Novas

domingo, 08 de novembro de 2020

O Concello xa completou a entrega de 17.000 máscaras protectoras a todos os centros de ensino obrigatorio e bacharelato de Ferrol

O material procede da Subdelegación do Goberno e distribuíuse, coa colaboración de voluntarios de Protección Civil, entre os dez CEIP públicos da cidade, os oito institutos de secundaria e os once centros concertados. O concelleiro de Educación, Antonio Golpe, indicou que os equipos de protección individual repartidos entre os centros supón material “de reposto” para afrontar situacións “que poidan xurdir no día a día”


O Concello xa completou a entrega de 17.000 máscaras protectoras a todos os centros de ensino obrigatorio e bacharelato de Ferrol

O Concello de Ferrol xa completou a entrega de 17.000 máscaras protectoras a todos os centros de ensino obrigatoria e bacharelato da cidade. O material forneceuno a Subdelegación do Goberno para destinalo aos escolares da cidade matriculados nalgún dos colexios de Ferrol: os dez centros de educación infantil e primaria (CEIP) da cidade —A Laxe Valón, Cruceiro de Canido, Esteiro, Isaac Peral, Juan de Lángara, Manuel Masdías, Pazos, Ponzos, Recimil e San Xoán de Filgueira—, os oito institutos de educación secundaria (IES) —Canido, Catabois, Concepción Arenal, Ferrol Vello, Leixa, Carvalho Calero, Saturnino Montojo e Sofía Casanova— e todos os centros concertados de Ferrol —Belén, Compañía de María, Cristo Rey, Jesús Maestro, La Salle, Lestonnac, Ludy, Sagrado Corazón, San Rosendo, Tirso de Molina e Valle Inclán. 


Foi a concellería de Educación, que dirixe Antonio Golpe, a que xestionou o reparto dos EPI en colaboración co departamento de Seguridade, do que é titular Germán Costoya. Voluntarios de Protección Civil colaboraron na entrega. Cada un dos centros recibiu unha cantidade de caixas de 50 unidades en función do número de alumnado. Supoñen un “recurso máis” que se presta aos centros escolares de cara a enfrontar “imprevistos que poidan xurdir no día a día” cos menores, explicou Antonio Golpe. Os EPI entregados “son material de reposto”, detallou. Deste modo, todos os centros de ensino obrigatorio e de bacharelato da cidade contan cunha provisión de máscaras protectoras para os casos nos que necesitan atender situacións nas que, por exemplo, os profesores ou os menores non teñen, se ensucian, se rompen o calquera outra circunstancia.

O Concello repartirá outras 1.600 para menores vulnerables 
Ao material distribuído polo Concello nos centros de ensino de Ferrol súmanse outras 1.600 máscaras protectoras que a concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez, vai repartir a partir do próximo luns entre nenos e adolescentes vulnerables da cidade no Edificio Social e nas catro Unidades Básicas dos servizos sociais municipais. Repartiranse aos menores beneficiarios das axudas á escolarización que cada ano outorga o Concello para afrontar os gastos do inicio do curso escolar. Cada neno recibirá dúas máscaras de tela, homologadas e reutilizables para ata 60 lavados.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar