Novas

sábado, 07 de novembro de 2020

O castelo de San Felipe acollerá unha exposición permanente sobre a batalla de Brión

Instalarase no antigo almacén de cureñas da fortaleza e será compatible con outras mostras de carácter temporal


O castelo de San Felipe acollerá unha exposición permanente sobre a batalla de Brión

O Concello instalará no antigo almacén de cureñas do castelo de San Felipe unha exposición permanente sobre a batalla de Brión. Esta iniciativa forma parte do programa Interreg Espazo Atlántico 2014-2020 para o proxecto MMIAH (Maritime, Military and Industrial Heritage of the Atlantic Area Coast) e intégrase na estratexia xa avanzada polas concelleiras de Proción Económica e Turismo, María Teresa Deus, e de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, de poñer en valor un episodio histórico cun gran potencial para darlle proxección exterior a Ferrol. Deste xeito, únese ás actividades que se desenvolveron este verán para conmemorar o 220.º aniversario do intento de invasión británica, que incluíron recreacións, visitas guiadas ao castelo e a elaboración dun vídeo promocional que se atopa en fase de montaxe. De todos modos, a intención é que o próximo verán se poida organizar unha conmemoración de máis entidade, xa que a deste ano quedou reducida debido ás restricións sanitarias. 


A mostra, cuxa execución se acaba de contratar, incluirá diversos elementos gráficos e visuais para explicar os acontecementos dos días 25 e 26 de agosto de 1800 e poñelos en contexto. Trátase, en palabras de Martínez Montero, de “darlle ao noso patrimonio histórico o valor que merece e de dotar de contido museográfico o castelo, comezando por un espazo magnificamente rehabilitado”. Para a edil, darlle utilidade ao antigo almacén significará, á vez, “garantir o seu mantemento” e seguir avanzando nas melloras que necesita a fortaleza, algunhas das cales se pretende executar nos próximos meses, como a recuperación da batería baixa e unha actuación que recolle pequenas obras en diferentes puntos do recinto. Ambas, coma a futura recreación virtual do castelo e as baterías de costa, forman parte tamén do proxecto MMIAH. 

A programación dos traballos para instalar a exposición permanente na sala de cureñas consta de dúas fases. Na primeira, que se desenvolverá este ano, a empresa adxudicataria realizará unha presentación de contidos, para materializala nunha segunda, xa no primeiro semestre do 2021.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar