Novas

luns, 09 de novembro de 2020

Conclúen as medidas recollidas no bando que entrou en vigor o día 27

O alcalde, Ángel Mato, ditou hai dúas semanas, días antes da ponte de Todos os Santos e tendo en conta o repunte dos contaxios, unha serie de restricións co fin de reducir ao mínimo as actividades culturais, deportivas e de ocio. Unha vez a Xunta de Galicia impuxo medidas de prevención ante a actual situación sanitaria, o goberno local estima conveniente que, rematado o prazo que contemplaba o bando, a actividade se regule unicamente pola normativa autonómica


 O incremento de casos de covid-19 en Ferrol de hai dúas semanas levou ao goberno local a adoitar unha serie de medidas tendentes a reducir ao mínimo posible todas as actividades culturais, deportivas e de ocio que tiveran relación co Concello, co fin de rcontribuír a reducir os contaxios entre a poboación. O alcalde, Ángel Mato, ditou un bando que entrou en vigor o 27 de outubro cunha vixencia de dúas semanas, tendo en conta o repunte de casos naquel momento e co único fin de frear a expansión do virus, máis aínda ás portas dunha ponte pola festividade de Todos os Santos. Ese período conclúe hoxe, polo que as normas contidas no documento deixarán de ter efecto esta medianoite. 


Agora, ante a nova situación sanitaria e unha vez que a Xunta de Galicia impuxo medidas de prevención, o goberno local estima conveniente que as actividades tanto culturais, como deportivas ou de ocio pasen a regularse unicamente pola normativa autonómica. 

Mato insistiu en que nesta situación “tan complicada” é necesario o “traballo conxunto” entre Administracións co obxectivo de “protexer entre todos á poboación” e reiterou a súa disposición “absoluta” para colaborar coa Xunta na loita contra a expansión da pandemia. Neste punto, o alcalde lembrou que “o comportamento individual é o máis importante” para mitigar o aumento de casos e pediu á poboación que extreme as medidas de protección. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar