Novas

luns, 09 de novembro de 2020

A contratación da dirección de obra achega o inicio dos traballos de reurbanización da rúa Espartero, en Ferrol Vello

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou que a Mesa de Contratación Permanente abordou hoxe este asunto, logo de que a semana pasada se adxudicara a execución


A contratación da dirección de obra achega o inicio dos traballos de reurbanización da rúa Espartero, en Ferrol Vello

A Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol abordou nunha das súas reunións desta mañá a contratación da dirección de obra da reurbanización da rúa Espartero, unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. Así o anunciou o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, nunha comparecencia na que explicou que a semana pasada xa se adxudicaron os traballos, polo que o inicio das obras está xa próximo. 


O edil destacou que os fondos Edusi “permiten seguir avanzando na transformación da cidade” e que este proxecto en concreto significa dar un novo paso “na recuperación de Ferrol Vello”, agora que o Concello ten en marcha obras de similares características na rúa de Carmen Curuxeiras. 

Para Reina, as actuacións que está levando a cabo en Ferrol Vello a Administración municipal e as que ten planificadas servirán para, “de forma coordinada coa Xunta”, que traballa na rehabilitación de diferentes edificios, “ir recuperando pouco a pouco este gran barrio”. 

O proxecto de reurbanización de Espartero contempla a completa renovación da rúa no tramo entre San Antón e a estrada Alta do Porto. Está valorado en 620.197,36 euros, dos que 496.157,89 corresponden a fondos europeos e 124.039,47 a unha aportación do Concello. Eliminaranse as beirarrúas, co que se disporá dunha plataforma única, aínda que con diferente pavemento para peóns (lousas de granito) e vehículos (adoquín) entre San Antón e Baterías. Entre Baterías e a estrada Alta do Porto, non haberá esa distinción e só se empregará granito. Aproveitaranse as lousas históricas na medida do posible, e o novo material que se necesite será de similares características. Tamén se renovarán as instalacións de saneamento e abastecemento de auga. Faranse canalizacións para soterrar o tendido eléctrico e colocarase novo alumeado acorde co de Ferrol Vello. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar