Novas

luns, 09 de novembro de 2020

Julián Reina, sobre as bonificacións fiscais que o pleno tratará o mércores: “Nada mellor que a suma de toda a corporación municipal para axudar”

O voceiro do goberno local agradeceulles a todos os grupos “a súa colaboración” para poder pór en marcha medidas de axuda aos sectores máis prexudicados pola crise epidémica


Julián Reina, sobre as bonificacións fiscais que o pleno tratará o mércores: “Nada mellor que a suma de toda a corporación municipal para axudar”

O portavoz do goberno local, Julián Reina, analizou esta mañá nunha comparecencia ante os medios os temas que vai tratar o pleno extraordinario do próximo mércores. Fíxoo tras unha reunión da Xunta de Voceiros centrada nas medidas fiscais e as axudas directas nas que está traballando o Concello para tratar de paliar a crise entre os sectores máis afectados. Reina agradeceu aos grupos políticos “a súa colaboración en prol da cidade” e destacou que o obxectivo común é reducir o impacto da pandemia. “Nada mellor que a suma de toda a corporación municipal para axudar”, dixo para insistir en que o mantemento dos postos de traballo e da actividade económica é o máis importante. “Son moitas as familias afectadas por esta situación”, lembrou. 


Sobre as modificacións das ordenanzas fiscais que se debaterá o mércores, explicou que inclúen bonificacións do 20 % no IBI durante todo o próximo ano para varios dos sectores máis afectados pola crise, do 100 % para a coñecida como taxa de terrazas para todo o 2020 e os meses do 2021 nos que estea vixente o estado de alarma e diferentes bonicicacións no imposto de actividades económicas (IAE), por contratacións, establecemento de empresas ou ampliacións. Outro dos obxectivos destas medidas é axilizar a resposta do Concello cando, debido a circunstancias coma as actuais, sexa necesario realizar cambios puntuais nestas normas. De todas formas, Reina asegurou que os grupos seguen debatendo e analizando se é necesario e posible engadir algunha máis.

Convenio de rehabilitación 
A sesión extraordinaria tamén se vai aproveitar para someter á corporación o convenio que fixa para Ferrol as condicións da anualidade 2020 do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. Os fondos para rehabilitación que contempla céntranse nos barrios de Ferrol Vello e A Magdalena, posto que o Concello xa dedica importantes recursos “específicos” a Recimil, mentres que as outras dúas áreas de rehabilitación integral (ARI) da cidade, Esteiro Vello e A Graña, aínda non esgotaron os as partidas dispoñibles. Para esta anualidade, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aportará 275.000 euros, mentres que a Xunta achegará 57.750, para sumar un total de 332.750 euros. 

Outros dos asuntos que se incluíron na orde do día son a votación da memoria do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES) do Concello de Ferrol e das bases que regularán as subvencións a entidades veciñais. Trátase, dixo Reina, de “bases específicas e adaptadas a esta situación”, nun ano no que as asociacións non puideron desenvolver a súa actividade en condicións normais. 

Proxecto de nova iluminación para a rúa Alegre 
Por outra banda, o tamén edil de Urbanismo informou sobre varios asuntos que a Mesa de Contratación Permanente tiña fixados para tratar hoxe. Así, falou de que avanzan dous contratos diferentes de aglomerados en vías do ámbito rural, ambos incluídos no POS 2018. O primeiro refírese ao camiño C-112 e ao camiño do Casal. O segundo, a varios tramos da estrada Brión- Liñares-Martín-Espiño. 

Outra actuación importante sobre a que Julián Reina anunciou que vai haber novidades nos próximos días é o alumeado da rúa Alegre. Segundo o edil, vaise publicar a licitación esta mesma semana. Implicará a substitución dos postes actuais por outros de dobre brazo nos que se instalarán luminarias a catro metros de altura, para iluminar a beirarrúa próxima, e a sete, para alcanzar a zona de circulación de vehículos e a parte contraria da rúa. Trátase dunha inversión de “algo máis de 300.000 euros”, como precisou o concelleiro, que inclúe tamén, “por motivos de eficiencia enerxética”, a substitución de lámpadas por outras de tecnoloxía LED en zonas próximas a Alegre. Reina lembrou que o plan Urban “deixou a súa pegada” en Canido e que esta actuación a vai “completar” na rúa Alegre. Así, “continuamos coa aposta por un barrio tan singular”, concluíu. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar