Novas

martes, 10 de novembro de 2020

Alcaldes e traballadores de Navantia reclaman a modernización do estaleiro

Ángel Mato, Juventino Trigo e o presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Emilio García Juanatey, anunciaron que proximamente se presentará un manifesto que incluirá as demandas acordadas na reunión que os rexedores da comarca mantiveron cos sindicatos


Alcaldes e traballadores de Navantia reclaman a modernización do estaleiro

Os alcaldes de Ferrol, Ángel Mato, e de Fene, Juventino Trigo, compareceron hoxe publicamente no pazo municipal ferrolán acompañados polo presidente do comité de empresa de Navantia Ferrol, Emilio García Juanatey, para insistir na reclamación de carga de traballo para os estaleiros e a modernización das súas instalacións. Durante o acto avanzaron que se está ultimando un manifesto conxunto dos rexedores das tres comarcas que conterá as reivindicacións acordadas na reunión que mantiveron cos sindicatos o pasado 19 de outubro. O documento, que parte dunha proposta dos representantes dos traballadores, será dado a coñecer proximamente. 


“Ademais de reclamar carga de traballo, todos os alcaldes puxemos de manifesto que é importante que Navantia leve a cabo ese plan de investimentos que ten previsto para conseguir un estaleiro máis sostible e competitivo, que avance con pé firme na transformación dixital e na implantación das novas tecnoloxías”, asegurou Mato, que defendeu que a construción naval debe seguir sendo “un piar fundamental” na economía non só da cidade, senón tamén de toda a comarca. Para o alcalde de Ferrol, Navantia ten que “aproveitar todo o seu potencial”, en reparacións, na fábrica de turbinas ou na diversificación industrial, para “seguir sendo un referente”. Nestes momentos, os plans de recuperación europeos deben ser aproveitados, ao seu xuízo, para levar a cabo investimentos coma o que necesita Navantia”. Mato pediulles “a todas as Administracións” unha “aposta pola nosa comarca” e pola “nosa industria tractora”, que é “clave para a economía de máis de 200.000 persoas”. 

Juventino Trigo dixo que se mantén “o compromiso que se adquiriu” de elaborar un manifesto nese senso para que o asinasen “o conxunto de alcaldes e alcaldesas” e que nos próximos días se presentará un documento definitivo. Trátase, afirmou, de “sumar para que todos poidamos ir da man” no apoio a “todos os traballadores de Navantia e da comarca”.

Por último, García Juanatey lembrou que a industria naval ferrolá ten “un problema grave” a curto prazo, como é a falta de carga de traballo, algo que nos últimos tempos, en momentos nos que non se formalizaron pedidos nacionais, se puido paliar a través de contratos internacionais. Pero “o noso estaleiro estase quedando obsoleto, e se non conseguimos modernizarnos, non seremos capaces de volver atraer eses contratos internacionais”, asegurou para argumentar a necesidade dun dique cuberto que se una á construción do taller de subbloques que se está comezando a tramitar e que xa conta con partidas económicas. 

Ante esta perspectiva, o presidente do comité anunciou que os traballadores van “intensificar” a campaña de mobilizacións. Algunhas das primeiras accións que van levar a cabo serán a colocación dunha pancarta reivindicativa no balcón do pazo municipal ferrolán e unha concentración na praza de Armas. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar