Novas

martes, 10 de novembro de 2020

O Torrente acollerá mañá unha conferencia do arqueólogo Rodríguez Colmenero como complemento á exposición ‘Facer Camiño’

A cita, baixo o título ‘A vía romana atlántica dende as navegacións prehistóricas ata as peregrinacións xacobeas’, terá lugar segundo a normativa anticovid establecida pola Xunta, que só permite a asistencia de 30 persoas. Supón un complemento á exposición ‘Facer Camiño’, que se pode visitar ata o domingo no centro cultural


A capela do centro cultural Torrente Ballester (rúa Concepción Arenal, s/n) acollerá mañá mércores, 11 de novembro, unha conferencia do arqueólogo, profesor de Historia Antiga e académico da Real Academia Galega de Belas Artes Antonio Rodríguez Colmenero sobre ‘A vía romana atlántica dende as navegacións prehistóricas ata as peregrinacións xacobeas’. 


Terá lugar ás 19 horas baixo as medidas de protección e seguridade establecidas pola normativa anticovid da Xunta de Galicia, que establece un aforo máximo de 30 persoas. A conferencia supón un complemento á exposición itinerante ´Facer Camiño’, coordenada pola academia coa colaboración da Xunta, que se poderá visitar no Torrente ata o domingo. A mostra inclúe 23 pezas entre pinturas, esculturas e fotografías de destacados artistas galegos, enfiada por citas e referencias a Santiago de Compostela e á peregrinación xacobea de autores como Dante, Federico García Lorca ou Vicente Risco. En concreto, a exposición acolle obras de Manuel Buciños, Ignacio Basallo, Xosé Díaz, Menchu Lamas, Xurxo Lobato, Acisclo Manzano, Din Matamoro, Manolo Paz, Soledad Penalta, Manuel Quintana Martelo, Rafael Úbeda e Miguel Anxo Prado.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar