Novas

martes, 10 de novembro de 2020

María Teresa Deus solicitou aos grupos da oposición o voto “favorable” para aplicar beneficios tributarios aos sectores máis prexudicados pola pandemia

A concelleira de Promoción Económica e Facenda abordou esta mañá co resto de grupos na comisión informativa de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos a modificación de catro ordenanzas, que permitirá activar “canto antes” axudas para paliar os efectos da actual crise. O pasado venres o goberno local xa trasladou aos voceiros da oposición toda a documentación para que puidesen analizala


A concelleira de Promoción Económica e Emprego, María Teresa Deus, abordou esta mañá cos grupos da oposición na comisión informativa de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos o contido da documentación que xa se lles remitiu o pasado venres relativa ás modificacións de catro ordenanzas fiscais que perseguen poder aplicar “canto antes” beneficios tributarios aos sectores máis prexudicados pola situación económica xerada pola pandemia. 


A edil aclarou ao resto de grupos as súas dúbidas e solicitoulles o seu voto “favorable” para sacar adiante “unhas medidas absolutamente necesarias” para apoiar a quen “máis o necesita neste momento”. Dese xeito, explicou a concelleira, “poderemos orientar o esforzo dos servizos económicos do Concello ás demais iniciativas nas que estamos traballando para apoiar aos sectores máis prexudicados por esta crise”. As modificacións someteranse mañá mércores á votación do pleno da corporación nunha sesión extraordinaria que terá lugar de forma telemática a partir das 19 horas. 

A proposta do goberno local contempla, en primeiro lugar, a modificación da propia ordenanza fiscal xeral, que se cambiaría para posibilitar que en situacións excepcionais e que impliquen urxencia na adopción de medidas, como a que se vive agora, non sexa necesario modificar cada unha das outras ordenanzas co fin de establecer bonificacións en taxas e impostos, senón que, co fin de axilizar trámites, unicamente sexa necesario someter ao pleno a aprobación das medidas que se decidan adoitar. En segundo lugar, someterase á aprobación da corporación a modificación da ordenanza número 1, reguladora do imposto de bens inmobles, de xeito que se establecería unha redución do 20 % neste tributo aos negocios de hostalería, comercio, cultura e espectáculos para todo o ano 2021.

O primeiro destes sectores tamén se poderán beneficiar da nova redacción de outra ordenanza, a número 19, reguladora da taxa por ocupación por mesas e cadeiras con finalidade lucrativa do dominio público, máis coñecida como “taxa de terrazas”. O Concello, que xa eximira do pago entre marzo e setembro deste ano, vai ampliar o período a todo o 2020 e aos meses do 2021 nos que estea vixente o estado de alarma.

Imposto de actividades económicas 
A última modificación proposta afecta á ordenanza número 4, reguladora do imposto de actividades económicas (IAE). Para este gravame vanse aplicar diferentes bonificacións que se establecerán en función de parámetros como a contratación de traballadores, a implantación dunha nova empresa ou a ampliación dunha xa domiciliada no municipio ferrolán. Contémplanse contías fixas por posto de emprego creado, con incrementos en función do número dos mesmos, e outros beneficios que en determinados casos poden alcanzar ata o 95 % do tributo. 

“Importante” esforzo para as arcas municipais 
Trátase dun paquete de medidas que vai supoñer un “importante” esforzo para as arcas municipais debido á minoración de ingresos que vai implicar, pero entende o goberno local que se trata de bonificacións necesarias ante a evolución da situación sanitaria. A concelleira insistiu en que espera poder contar co apoio do resto de grupos para aprobar ditas modificacións e, a continuación, poñer en marcha canto antes o resto de medidas de axuda que se están preparando desde o seu departamento.
 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar