Novas

martes, 10 de novembro de 2020

O Concello saca a licitación a nova iluminación pública da rúa Alegre

O prazo para presentar propostas remata ás 23.59 horas do día 30. O proxecto inclúe 51 novas luminarias, das que 36 serán de dobre brazo cunha luz situada na parte máis alta, a sete metros, para iluminar o viario e a beirarrúa oposta, e outra a catro metros para dar luz á beirarrúa onde se atopa o poste


O Concello de Ferrol publicou esta mañá no seu perfil da plataforma de contratación do sector público o anuncio de licitación electrónica da iluminación da rúa Alegre, cun orzamento máximo de 300.370,74 euros (IVE incluído). O prazo para presentar ofertas conclúe ás 23.59 horas do próximo 30 de novembro. 


A renovación da iluminación concéntrase na súa maior parte na rúa Alegre aínda que tamén intervén nas vías Mayola, Corral de Chapón, Santos, Coruña, Celso Emilio Ferreiro, Navegantes e Praza de Canido. Os traballos contan cun prazo de dous meses. Para resolver a iluminación xeral da rúa Alegre optouse pola selección de 36 luminarias con óptica viaria de dobre brazo montadas sobre o mesmo poste de forma que unha luz quedará situada a 7 metros de altura para alumar o viario e a beirarrúa oposta e outra, a 4 metros, dará luz á beirarrúa onde se localiza o poste. 

Para completar puntos singulares, montaranse tamén outras 15 luminarias simples tanto sobre poste de 7m de altura como en brazo sobre fachada. O proxecto inclúe, por motivos de eficiencia enerxética, a substitución de lámpadas por outras de tecnoloxía LED nas mencionadas zonas próximas á rúa Alegre. 

A renovación da iluminación da continuidade ás últimas intervencións en Canido, como o plan Urban, nunha “firme aposta” do goberno local por recuperar “un barrio tan singular”, explicou o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar