Novas

martes, 10 de novembro de 2020

O primeiro prazo para solicitar a explotación dos postos vacantes dos mercados da Magdalena e Recimil remata o domingo

As autorizacións temporais que outorgará o Concello de Ferrol forman parte do plan de activación económica que está levando a cabo o goberno local para revitalizar a actividade comercial. Desde novembro, as peticións presentadas avaliaranse todos os días 15 de cada mes e os permisos entregaranse de forma directa se só existe unha solicitude para un posto. No caso de que haxa dous para un mesmo espazo, a adxudicación levarase a cabo mediante sorteo público


O primeiro prazo para solicitar a explotación dos postos vacantes dos mercados da Magdalena e Recimil remata o próximo día 15 de novembro, tal e como anunciou hai uns días o concelleiro de Mercados, Germán Costoya. Forma parte do plan de activación económica que está levando a cabo o goberno local con fin de revitalizar a actividade comercial na cidade e que inclúe que as solicitudes presentadas para optar a ditos espazos avaliaranse os días 15 de cada mes. 


Poderán explotarse os postos libres mediante autorizacións temporais. O período será de dous anos, coa posibilidade de prórroga ata un máximo de catro. Para o seu regulamento, a área de Patrimonio do Concello, dependente da concelleira María Teresa Deus, elaborou unha instrución específica. Costoya mostrouse “moi satisfeito” de que se poida resolver unha demanda que existía dende hai anos, no que significa unha “clara aposta” pola dinamización e posta en valor dos mercados. 

Desde o pasado 1 de novembro os interesados poden presentar a súa solicitude para optar a explotar calquera destes espazos. Poden facelo vía telemática a través do apartado ‘Solicitude Xeral’: http://www.ferrol.gal:8081/cividas-core-web-ferrol/public/publications/list/forms/ FORMS/details/11665531;jsessionid=BB36D8AA09767EC4C10B3D34A02C5558

Os requisitos son os seguintes: acreditar estar dado de alta no epígrafe correspondente e ao corrente no pago do IAE (no caso dos exentos, estar dado de alta no censo de obrigados tributarios), acreditar estar dado de alta no réxime da Seguridade Social que corresponda e estar ao corrente no pago das cotizacións, acreditar estar ao corrente das obrigas tributarias, estar en posesión do certificado de manipulador de alimentos no caso de que se vaian manexar no posto, manter vixente unha póliza de seguro de responsabilidade civil e, finalmente, presentar unha declaración responsable na que se manifeste que se teñen concedidas as autorizacións ou licenzas esixidas pola normativa para o exercicio da actividade e todas as esixencias legais. 

Desde 30 euros ao mes en Recimil e desde 60 no mercado da Magdalena
O canon anual dos postos varía entre os 302,52 euros e os 2.151,72, no caso de Recimil, e entre os 723,24 e os 2.855,40 no da Magdalena. Isto implica que se poida optar a un posto por pouco máis de 30 euros ao mes en Recimil e de 60 no mercado da Magdalena. A listaxe dos postos vacantes dispoñibles está publicada no taboleiro de anuncios do Concello (https://www.ferrol.gal/Sede/TaboleiroAnunciosAmpliar/486) e tamén se pode consultar nas oficinas de atención á cidadanía. Esta lista poderase incrementar con aqueles postos que queden baleiros no futuro. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar