Novas

mércores, 11 de novembro de 2020

O Concello abre mañá o prazo para solicitar as axudas para agasallos de Nadal, que este ano conta cun orzamento de 50.000 euros

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, anunciou hoxe que a axuda municipal permitirá chegar a un millar de menores de ata 16 anos, 50 euros por neno As solicitudes poderanse presentar ata o día 25 de novembro


O Concello abre mañá o prazo para solicitar as axudas para agasallos de Nadal, que este ano conta cun orzamento de 50.000 euros

O Concello de Ferrol abrirá mañá xoves, 12 de novembro, o prazo para solicitar axudas para adquirir agasallos de Nadal despois de que hoxe mesmo se publicara no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a convocatoria da subvención, que consiste en vales de 50 euros por neno. A campaña de este ano conta cun orzamento de 50.000 euros, o que permitirá chegar ao millar de menores da cidade de ata 16 anos, 420 máis dos beneficiarios do pasado ano, tal e como anunciou esta mañá a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero. 


O prazo para presentar as solicitudes remata o próximo 25 de novembro incluído e a documentación poderase entregar en Rexistro, tanto de forma presencial como telemática a través da Sede Electrónica (https://www.ferrol.gal/Sede), ou enviando un correo electrónico a rexistro@ferrol.es. Tanto o contido das bases como os formularios atópanse en https://www.ferrol.gal/arquivos/documentos/benestar/agasallosnadal/2020/ anuncio-bop-bases.pdf. 

Trátase dunha iniciativa municipal cuxa finalidade é que os menores das familias máis desfavorecidas do municipio teñan un agasallo por Nadal e así contribuír a fomentar a igualdade dos pequenos pertencentes a familias que, nestes momentos, teñen unha precaria situación económica, “máis aínda como consecuencia de crise sanitaria que estamos a vivir”, explicou Martínez Montero. “Os nenos tamén están vivindo unha realidade moi complicada por mor da pandemia, e con estas axudas desde o goberno local queremos contribuír a que vivan o Nadal con ledicia e ilusión”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar