Novas

mércores, 11 de novembro de 2020

A comisión de Urbanismo ditamina a favor do convenio sobre rehabilitación na Magdalena e Ferrol Vello entre o Ministerio de Fomento, o IGVS e o Concello

O concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Julián Reina, trasladou aos grupos da oposición o contido do documento, que se someterá á votación do pleno na sesión extraordinaria desta tarde. A responsable de Obras e Servizos, Ana Lamas, deu conta dos traballos que se están a acometer no Xardíns de Herrera, coa plantación de flor de tempada e o pintado do muro


A comisión de Urbanismo ditamina a favor do convenio sobre rehabilitación na Magdalena e Ferrol Vello entre o Ministerio de Fomento, o IGVS e o Concello

O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas, Mobilidade, Vivenda e Rehabilitación, Julián Reina, deu conta esta mañá aos grupos da oposición na comisión ordinaria de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación do contido do convenio entre o Ministerio de Fomento, o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Concello de Ferrol relativo á Área de Rexeneración e Renovación Urbana da Magdalena-Ferrol Vello no marco do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. Na comisión ditaminouse a favor do convenio, que fixa para Ferrol as condicións da anualidade 2020 do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021. O documento someterase á votación do pleno da corporación na sesión extraordinaria desta tarde. 


Os fondos para rehabilitación céntranse nos barrios de Ferrol Vello e A Magdalena, posto que o Concello de Ferrol xa dedica importantes recursos “específicos” a Recimil, mentres que as outras dúas áreas de rehabilitación integral (ARI) da cidade, Esteiro Vello e A Graña, aínda non esgotaron os as partidas dispoñibles. Para esta anualidade, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aportará 275.000 euros, mentres que a Xunta achegará 57.750, para sumar un total de 332.750 euros. 

Sobre a proposta do PP para habilitar o tráfico rodado na rúa Magdalena, o responsable de Urbanismo agradeceu as achegas aportadas pola oposición e explicou que o seu departamento está a analizalas e anunciou que abordará o asunto cos afectados, é dicir, comerciantes, hostaleiros e usuarios.

Intervención nos Xardíns de Herrera 
Pola súa banda, a concelleira de Servizos, Obras, Medio Ambiente, Zona Rural, Ana Lamas, deu conta durante a comisión informativa dos avances no programa de plantación de flor de tempada. Trasladou aos grupos da oposición os traballos realizados nos últimos días, nos que se procedeu a eliminar a vexetación do entorno e á preparación do terreo para colocar a flor de inverno nos Xardíns de Herrera, un total de 1.500 unidades de violas cornuta. Tamén se preparou a zona verde de Amboage e plantáronse 450 violas tricolor e outras 450 unidades de viola cornuta. 

A concelleira explicou que a intervención nos Xardíns de Herrera se está a completar co pintado do muro de cor branco por parte do departamento de Obras, xa que presentaba varias pintadas e mal aspecto. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar