Novas

mércores, 11 de novembro de 2020

O goberno leva ao pleno de hoxe as bases das subvencións para entidades veciñais, adaptadas á situación xerada pola covid-19

A concelleira de Participación Cidadá, Ana Lamas, deu conta aos grupos da oposición durante a comisión informativa desta mañá das liñas de axudas para este ano, centradas en “apoiar e recoñecer o intenso labor” que desenvolven as asociacións do municipio “neste momento tan complicado” pola pandemia


O goberno local someterá á votación do pleno extraordinario desta tarde as bases reguladoras específicas para a concesión de subvencións a entidades veciñais do municipio para este ano 2020 co fin de seguir contribuíndo e impulsando as relacións humanas e sociais entre a veciñanza dos barrios e parroquias de Ferrol. A concelleira de Participación Cidadá, Ana Lamas, deu conta diso durante a comisión informativa extraordinaria que tivo lugar esta mañá e trasladou aos grupos da oposición que a vontade de ditas bases é “apoiar o sustento das entidades” nun momento “tan complicado como o que estamos a vivir”, dixo, no que “as asociacións viron como a expansión do virus truncou o desenvolvemento de moitas das súas actividades programadas”. 


Por ese motivo o departamento que dirixe Lamas deseñou unhas bases adaptadas á situación xerada pola covid-19 que darán cobertura a todo tipo de gastos de mantemento e funcionamento ademais dos relativos á adquisición de material de protección.

Este ano, unha liña para adquirir novas tecnoloxías 
O orzamento asignado para o exercicio do ano 2020 é de 100.000 euros, que este ano se distribúe en dúas liñas de axudas: 80.000 para actividades que favorezan a participación cidadá entre a veciñanza e gastos ordinarios de funcionamento necesarios para o cumprimento dos fins propios das entidades, tales como pequenos arranxos, labores de mantemento e conservación do local social, gastos de persoal, transporte, aluguer e gastos de subministracións ou de xestión, entre outros. Tamén nesta partida inclúense gastos covid, como os relativos á merca de máscaras protectoras, xeles hidroalcohólicos, dispensadores ou a sinalización que advirte da necesidade de cumprir as medidas de seguridade. 

Como novidade respecto ao ano anterior, haberá unha segunda liña de subvencións dotada de 20.000 euros para sufragar investimentos en novas tecnoloxías e mobiliario, o que permitirá aos veciños “adquirir, por exemplo, material informático, audiovisual ou equipamentos de oficina”. 

A vontade do goberno local, explicou, é que “ningunha entidade se quede atrás por mor da crise sanitaria que estamos a vivir”. Desde o goberno local, dixo, queremos “apoiar e recoñecer o in0tenso labor” que desenvolven as asociacións veciñais da cidade “neste momento tan complicado” pola pandemia, e lembrou a súa “vital” función de interlocutores entre os veciños e a súa administración máis próxima, o Concello”.  

Un 60% por adiantado 
As bases propostas polo goberno local contemplan que se realizará o pago anticipado do 60% do importe concedido, que suporá a entrega de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención. O 40% restante aboarase trala xustificación total da subvención. 







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar