Novas

xoves, 12 de novembro de 2020

O programa PAME de axudas municipais a autónomos e pemes concedeu 1.850.000 euros

O paquete de medidas deseñado para paliar os efectos negativos da covid-19 no tecido económico da cidade repartiuse en dúas convocatorias, a segunda das cales se avaliou hoxe. Na primeira entregáronse máis de 1,7 millóns entre 1.155 negocios, mentres que na segunda se abonarán cerca de 150.000 euros, que corresponderán a un centenar de establecementos


O programa PAME de axudas municipais a autónomos e pemes concedeu 1.850.000 euros

O Concello de Ferrol celebrou esta mañá a sesión de avaliación da segunda convocatoria do PAME, o Plan de Mellora para a Empregabilidade deseñado pola concellería de Promoción Económica, dirixida por María Teresa Deus, co fin de paliar os efecto negativos da covid-19 no tecido económico da cidade e dotado de dous millóns de euros. 


As axudas ofrecéronse en dúas convocatorias. A primeira resolveuse a principios de setembro co abono de algo máis de 1,7 millóns de euros entre 1.155 negocios da cidade. Co remanente ata chegar aos 2 millóns o Concello publicou unha segunda convocatoria, de 297.610 euros, para a que se presentaron en prazo 114 solicitudes. Esta mañá tivo lugar a comisión de avaliación, que concluíu aceptar 98 das peticións, polo que o importe concedido nesta segunda liña de axudas ascende a 147.600 euros. En total, dos dous millóns do PAME, o Concello aboa ao tecido económico da cidade co obxectivo de contribuír a paliar as consecuencias da crise pola covid-19 preto do 93 % do orzamento total, é dicir, 1.850.000 euros. 

Os servizos económicos do Concello, antes incluso de que rematara o PAME, comezaron a traballar na posta en marcha de novas axudas. O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, anunciaba a principios de mes un novo paquete de medidas para seguir apoiando aos sectores da cidade máis afectados pola crise económica derivada da pandemia.

Outros dous millóns de euros 
Deste modo, os negocios de Ferrol máis afectados pola actual situación poderán optar a unha nova liña de axudas que van coordinar o Concello e a Deputación. Trátase dun fondo de ao redor doutros dous millóns de euros, como o PAME, dos que entre 1,2 e 1,3 procederán dos remanentes municipais e o resto do organismo provincial. Ambas Administracións traballan xa tanto na elaboración das bases da convocatoria como na fórmula máis áxil para materializar esa contribución. 

A nova liña de axudas anunciada por Mato e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, ten como obxectivo paliar a difícil situación pola que atravesan diferentes sectores da economía local. O alcalde mencionou especialmente o da hostalería, unha actividade á que se dedican arredor de cincocentos negocios do municipio ferrolán, pero non esqueceu, entre outros, o comercio, o ocio ou a cultura. O rexedor lembrou que o Concello, xa dende o primeiro estado de alarma, implementou varias medidas co obxectivo de paliar a diminución de ingresos dos negocios locais, como é o caso do PAME. Tamén destacou as bonificacións en materia de abastecemento de auga, saneamento e terrazas en períodos nos que os establecementos non puideron desenvolver a súa actividade con normalidade, uns beneficios fiscais que cifrou en máis de 150.000 euros. 






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar