Novas

venres, 13 de novembro de 2020

Ángel Mato reclama investimentos para que a liña ferroviaria de Ferrol se adapte aos requisitos do corredor atlántico de mercadorías

O alcalde informou esta mañá do contido do estudo sobre o tren presentado polo Consello Económico e Social e o Eixo Atlántico, no que el mesmo solicitou a inclusión da cidade. O documento cifra en 730 millóns de euros os fondos necesarios para modernizar o trazado e construír unha conexión co tramo A Coruña-Vigo, co que enlazaría en Uxes


Ángel Mato reclama investimentos para que a liña ferroviaria de Ferrol se adapte aos requisitos do corredor atlántico de mercadorías

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, analizou esta mañá o estudo sobre o corredor atlántico presentado onte polo Consello Económico e Social e o Eixo Atlántico. O capítulo que este documento lle dedica á conexión ferroviaria de Ferrol cuantifica, segundo explicou o rexedor, nun total de 730 millóns de euros o investimento necesario para que o tendido se adapte aos requisitos marcados pola Unión Europea en canto ao transporte de mercadorías. “Xa hai un estudo de necesidades. Agora imos solicitar á Xunta e ao Goberno central que Ferrol estea ligado ao corredor atlántico de mercadorías”, asegurou. 


Mato lembrou que hai un ano, en outubro do 2020, acordou co Eixo Atlántico a inclusión de Ferrol no citado estudo, cando se atopaba en fase de elaboración, e que dous meses despois o pleno da corporación aprobou unha declaración institucional na que tamén reclamaba a inclusión do porto no trazado do corredor atlántico. Tamén na Asemblea do Eixo celebrada o pasado febreiro se tratou este asunto. A parte dedicada a Ferrol constata a crecente importancia do porto nun contexto de dificultade debido ao descenso de movementos de certas mercadorías, pero fai notar o tráfico de contedores como unha fortaleza de cara ao futuro. Unha vez que a conexión ferroviaria da dársena exterior “xa está moi avanzada”, o seguinte paso debe ser que a que une a cidade co eixo atlántico tamén responda ás necesidades dunha comarca cun tecido empresarial e industrial que, á súa vez, precisa dun ferrocarril moderno para desenvolver as súas potencialidades. 

Na actualidade, Ferrol está conectado coa Coruña a través de dous tramos que suman 68,9 quilómetros e teñen máis dun século. O primeiro, de 42,8, vai ata BetanzosInfesta, e o segundo, de 26,1, ata A Coruña. En máis da metade destes traxectos as velocidades son moi baixas, con medias inferiores a 75 quilómetros por hora. O alcalde lembrou estes datos para indicar que os pasos que dende o ano 2000 se deron para tratar de mellorar estas infraestruturas “non deron froito” e que a última nova oficial é unha resposta parlamentaria do 2013, na que o Goberno, “entón do Partido Popular”, dixo que “a viabilidade económica do proxecto non estaba confirmada”.

O estudo do Eixo Atlántico, elaborado polo catedrático da área de Enxeñaría e Infraestrutura dos Transportes da UDC Miguel Rodríguez Bugarín, “un dos maiores expertos que temos sobre o ferrocarril”, propón unha liña de tráfico mixto, tal e como o propio alcalde vén reclamando. Tamén inclúe necesidades como a electrificación do trazado e a instalación do sistema de seguridade ERTMS, ademais dun ancho de vía igual ao do corredor A Coruña-Vigo. A intención é que soporte o paso de convois de mercancías de ata 750 metros de lonxitude, cando na actualidade entre Ferrol e Betanzos só poden circular os de ata 280 metros (lonxitude máxima básica) ou de ata 500 (lonxitude máxima especial). 

En canto ás modificacións do trazado actual, abórdanse por separado. Por unha banda, a partir de Betanzos óptase pola comunicación directa co corredor atlántico a través de Uxes, sen pasar pola Coruña. Para o tramo máis próximo ao entorno protexido da ría de Betanzos proponse manter o corredor actual para evitar afeccións. 

Na estimación de custes detállanse 250 millóns de euros para o tramo entre Uxes e a estación de Betanzos-Cidade (21 quilómetros), 60 millóns para adaptar 5,8 quilómetros de liña na zona de Betanzos e 420 millóns para actuar sobre 26 quilómetros de tendido ata Ferrol. En total, 730 millóns de euros para acadar “unha liña que sexa operativa para mercancías e viaxeiros” conforme aos requirimentos actuais.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar