Novas

sábado, 14 de novembro de 2020

O Concello celebrará o 25N cunha xornada virtual a nivel nacional na que participarán expertos na loita contra a violencia ás mulleres

A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, informou que a sesión contará con poñentes “de primeiro nivel e contrastada experiencia nas máis altas institucións”. Intervirán, ademais do alcalde, Ángel Mato, e a edil, os fiscais Joaquín Sánchez-Covisa, Flor de Torres, a ex deputada Ángeles Álvarez, a xurista Marisa Soleto, a psicóloga Sonia Váccaro e a periodista e profesora Isabel Menéndez


O Concello celebrará o 25N cunha xornada virtual a nivel nacional na que participarán expertos na loita contra a violencia ás mulleres

 O Concello de Ferrol celebrará o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cunha xornada virtual a nivel nacional na que participarán poñentes de “primeiro nivel e contrastada experiencia laboral nas máis altas institucións do Estado”, tal e como anunciou a concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados. 


A sesión en liña terá lugar o día antes, o 24 de novembro. Poderán participar ata 500 persoas de todo o país e “servirá para sinalar a Ferrol como cidade comprometida coa sensibilización e visibilización da lacra social que supón a violencia contra as mulleres”, dixo Prados. 

Intervirán, ademais do alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e a edil, o fiscal de Sala de Coordinación de Estranxeiría Joaquín Sánchez-Covisa, que falará sobre a necesidade de contar con medidas eficaces contra a explotación das mulleres. Tamén participará a fiscala delegada de violencia de xénero en Andalucía, Flor de Torres, para abordar a aposta da Fiscalía pola igualdade. A ex deputada Ángeles Álvarez tratará o problema como axenda inconclusa e Marisa Soleto, xurista e directora da Fundación Mulleres, falará sobre a situación dos orfos e orfas da violencia de xénero. 

A xornada virtual tamén contará coa participación de Sonia Váccaro, psicóloga clínica experta en vitimoloxía e violencia de xénero, quen abordará a violencia vicaria e a necesidade de protexer aos menores vítimas. Por último, a profesora e periodista Isabel Menéndez, tamén directora da unidade de igualdade da Universidade de Burgos e doutora en Filosofía, impartirá a conferencia ‘De Ana Orantes a Laura Luelmo e mentres tanto a manada: as violencias contra as mulleres na prensa’.

Unha oportunidade para profundar nos retos pendentes 
A concelleira explicou que a xornada con motivo do 25N, coa colaboración de “recoñecidos expertos”, pretende poñer sobre a mesa para o seu debate os “retos pendentes desta lacra social”. O Concello, dixo, “está moi implicado neste asunto”, e esta xornada “es unha gran oportunidade”.

Para anotarse: https://www.ferrol.gal/Shared/Contidos/93
 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar