Novas

venres, 13 de novembro de 2020

A Policía Local conta dende hoxe cun todoterreo que lle permitirá chegar a lugares do rural inaccesibles para os coches patrulla

Trátase do último dos tres vehículos recentemente adquiridos polo Concello para modernizar o parque móbil do corpo. Únese a un turismo sen rotular para realizar labores de vixilancia e dun furgón de 7 prazas para o traslado de axentes


A Policía Local conta dende hoxe cun todoterreo que lle permitirá chegar a lugares do rural inaccesibles para os coches patrulla

A Policía Local de Ferrol conta dende hoxe cun todoterreo que lles permitirá aos axentes acceder a lugares, en especial do medio rural, aos que non era posible chegar cos automóbiles dos que ata agora dispoñían. Coa incorporación deste vehículo, complétase a modernización do parque móbil do corpo de seguridade municipal contemplada coa adquisición, a maiores, dun turismo sen rotular, destinado a tarefas de vixilancia, e dun furgón de sete prazas. 


O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, destacou esta mañá, durante a presentación do vehículo, que facía ao redor de quince anos que a Policía Local carecía dun todoterreo e que se trataba dunha demanda “histórica e reiterativa e moi comprensible”, xa que o termo municipal ferrolán ten unha gran extensión de terreo que comprende numerosos puntos de difícil acceso, como é caso dos vertedoiros incontrolados”. 

Por ese motivo, “vailles facilitar moito aos axentes a súa resposta ante determinadas situacións de emerxencia”. Ata o momento, unicamente algúns dos vehículos do Corpo de Bombeiros e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil tiñan a capacidade de circular por pistas e camiños sen pavimentar e con condicións especialmente complexas. 

O edil destacou que a compra destes tres vehículos, que se foron entregando ao longo das últimas semanas, responde a todas as necesidades que neste eido a Policía Local tiña sen cubrir. A súa adquisición formalizouse a través dun contrato dividido por lotes que supuxo para o Concello un desembolso de 120.809 euros, dos que 28.407 corresponderon ao turismo, 48.201 ao furgón e 44.201 ao todoterreo. Este último é un vehículo da marca Toyota, modelo Land Cruiser, con tracción ás catro rodas e dotado co equipamento policial necesario, coma ponte de luces e módulos led. Ten unha potencia de 177 CV, dispón de sete prazas e conta cunha garantía de catro anos, dous por enriba do marcado no prego de prescricións técnicas. 

No caso do turismo, trátase dun Toyota Corolla tamén de cinco prazas que dispón de equipamento para actuar coma coche de incógnito, coma focos destellantes, cartel de “policía”, amplificador con botoeira, altofalante de 100 W e cartel luminoso traseiro abatible. No do furgón, dun Toyota Proace Verso de 180 CV con capacidade para trasladar a sete axentes, incluído o condutor.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar