Novas

luns, 16 de novembro de 2020

A Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito do Concello acorda habilitar aloxamentos alternativos ao albergue no caso de que empeore a situación

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, presidiu esta mañá unha nova reunión do órgano, integrado por diferentes entidades sociais da cidade. Analizaron os efectos da evolución da pandemia nas persoas sen teito e a capacidade do albergue Pardo de Atín, que xa ten ocupadas 30 das 35 prazas habilitadas pola covid-19


A Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito do Concello acorda habilitar aloxamentos alternativos ao albergue no caso de que empeore a situación

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, celebrou esta mañá unha nova sesión da Mesa Técnica sobre Persoas Sen Teito de Concello de Ferrol, un órgano municipal integrado por diferentes entidades sociais da cidade. No encontro analizaron a situación actual, a evolución da pandemia e os seus efectos nas persoas sen teito, e coincidiron en que polo momento o panorama actual non é similar ao vivido no mes de marzo, durante o primeiro estado de alarma. 


Martínez Montero explicou tras a reunión que os integrantes da mesa acordaron habilitar aloxamentos alternativos no caso de que se esgoten as 35 prazas habilitadas no albergue Pardo de Atín para a actual situación covid. Neste momento hai ocupadas 30. 

Inicio da asistencia podolóxica 
Os participantes na mesa tamén abordaron o convenio para a asistencia na Clínica Universitaria de Podoloxía (CUP) entre a Universidade da Coruña (UDC) e o Concello de Ferrol ás persoas sen fogar e en exclusión social. As súas instalacións atópanse no antigo Hospital Naval. Tal e como explicou a concelleira, o Concello destina a dito convenio 5.000 euros ao ano. 

A atención podolóxica integral consiste nunha asistencia integral podolóxica dos pacientes derivados dos servizos sociais do Concello e cun límite máximo de 70 pacientes por curso. Incluirá servizos de quiropodoloxía, ciruxía podolóxica, exploración e biomecánica, ortopodoloxía e pé de risco. O convenio de colaboración ten vixencia no curso académico 2020-2021, se ben poderá ser prorrogado por mutuo acordo das partes ata dous cursos académicos máis.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar