Novas

luns, 16 de novembro de 2020

As obras de reurbanización da rúa Espartero darán comezo “inmediatamente despois do Nadal”

Julián Reina anunciou hoxe que, unha vez rematado o proceso de contratación, o goberno local decidiu agardar a que rematen as festas para iniciar esta actuación. O concelleiro de Urbanismo e voceiro do equipo de goberno explicou que o obxectivo é “evitar calquera tipo de molestia que poidan xerar” os traballos durante esas datas


As obras de reurbanización da rúa Espartero darán comezo “inmediatamente despois do Nadal”

O Concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou durante a rolda de prensa que ofreceu esta mañá que as obras para a reurbanización da rúa Espartero comezarán despois do Nadal. Este proxecto é unha operación cofinanciable polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (Feder) no marco do Programa Operativo Plurirregional de España Feder 2014-2020 ao abeiro da Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e Integrado (Edusi) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”. 


A Mesa de Contratación Permanente do Concello tratou hoxe a cualificación da documentación presentada polo adxudicatario, o que permitiría o inicio dos traballos en breve. “Pero consideramos que a mellor data para iniciar as obras será inmediatamente despois do Nadal”, explicou o edil. O obxectivo desta decisión, dixo, é “evitar calquera tipo de molestia que poidan xerar” durante as festas. 

O proxecto de reurbanización de Espartero contempla a completa renovación da rúa no tramo entre San Antón e a estrada Alta do Porto. Está valorado en 620.197,36 euros, dos que 496.157,89 corresponden a fondos europeos e 124.039,47 a unha achega do Concello. Eliminaranse as beirarrúas, co que se disporá dunha plataforma única, aínda que con diferente pavimento para peóns (lousas de granito) e vehículos (adoquín) entre San Antón e Baterías. Entre Baterías e a estrada Alta do Porto, non haberá esa distinción e só se empregará granito. Aproveitaranse as lousas históricas na medida do posible, e o novo material que se necesite será de similares características. Tamén se renovarán as instalacións de saneamento e abastecemento de auga. Faranse canalizacións para soterrar o tendido eléctrico e colocarase novo alumeado acorde co de Ferrol Vello.




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar