Novas

luns, 16 de novembro de 2020

O Concello concede o recoñecemento de Ferrolán do Ano ao persoal sanitario que combate a covid-19

O portavoz do goberno local, Julián Reina, explicou tras o acordo da Xunta de Voceiros que está previsto que o galardón se entregue no Teatro Jofre nunha cerimonia “moi sinxela” e cun reducido número de asistentes para garantir a seguridade


O Concello concede o recoñecemento de Ferrolán do Ano ao persoal sanitario que combate a covid-19

O persoal sanitario que loita contra a covid-19 recibirá do Concello o recoñecemento de Ferrolán do Ano. Será durante a tradicional cerimonia do Día de San Xiao no Teatro Jofre, aínda que este ano o acto contará cunha asistencia moi reducida para garantir a seguridade. Segundo informou hoxe en rolda de prensa o portavoz do goberno local, Julián Reina, a Xunta de Voceiros adoitou este acordo nunha reunión celebrada esta mañá, na que tamén se decidiu non conceder nesta ocasión as medallas de ouro da cidade, co dobre obxectivo de adaptar a entrega do premio ás actuais circunstancias de pandemia e de centrar a homenaxe de Ferrol no colectivo que está atendendo máis en primeira liña a emerxencia sanitaria. 


Distinguilos co título de Ferrolán do Ano é “unha cuestión de xustiza, e así coincidimos todos os grupos políticos”, dixo Reina, que incidiu en que o Concello vai organizar unha cerimonia “moi sinxela” para o próximo 7 de xaneiro. O concelleiro asegurou que, de todas formas, ese evento estará condicionado tamén á evolución da epidemia, polo que podería sufrir modificacións en función da situación sanitaria e a normativa sobre a covid. 

Rehabilitación da torre do século XIX da Batería Baixa do castelo de San Felipe Reina informou tamén dos asuntos que esta mañá tratou a Mesa de Contratación Permanente na súa habitual reunión semanal. Ademais da cualificación da documentación presentada polo licitador da reurbanización da rúa Espartero, a xuntanza serviu para a apertura de ofertas referidas á rehabilitación da torre do século XIX da Batería Baixa do castelo de San Felipe para usos expositivos, unha actuación “importante” que está cofinanciada polo Feder-Programa Interreg Espazo AtlánticoProxecto MMIAH e que conta cun orzamento de 100.000 euros. 

Os traballos previstos inclúen o picado e encintado de cemento en fachadas, o picado e revocos de cal en mal estado nas bóvedas interiores, a eliminación de elementos descontextualizados (como as instalacións de saneamento na fachada), o desmontado da instalación eléctrica existente, a demolición de fábricas de ladrillos ou bloque descontextualizados, a limpeza dos muros de cantería, a execución da cuberta (con recrecido, lámina impermeabilizante e acabado con lousas de granito), a colocación de carpintería de iroko en portas e vidro fixo nas fiestras, a colocación de elementos expositivos (caixóns de soporte de maquetas e paneis retroiluminados), instalación eléctrica e dotación de elementos de loita contra incendios. O prazo previsto de execución dos traballos, unha vez iniciados, é de catro meses. 

O Concello de Ferrol lidera o proxecto europeo MMIAH, que comezou a mediados de 2017 e rematará a mediados de 2021. Ten dúas liñas de actuación, unha no ámbito da recuperación e posta en valor do patrimonio histórico de cada municipio participante e outra orientada a crear un produto turístico conxunto e aumentar a chegada de turistas. Participan no proxecto, ademais de Ferrol como cabeza da iniciativa, outras oito cidades: Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda).

Reparación do paseo marítimo de Doniños 
Tamén se abriron as ofertas para a reparación do paseo marítimo de Doniños, proxecto incluído no POS 2018 e que conta cun orzamento de 97.236,25 euros. O concelleiro explicou que o obxectivo dunhas obras “tan necesarias” é que xa se poida gozar desta infraestructura nas mellores condicións durante a próxima tempada de verán. Comezarán con labores de roza e limpeza antes de acometer o fresado do carril bici para renovar o seu firme. Tamén se realizarán tarefas de mantemento e reparación no sistema de drenaxe e poñerase ao día a infraestrutura en materia de accesibilidade. A zona do miradoiro estará incluída no ámbito da actuación. 

Outros dos asuntos que tratou a Mesa de Contratación foron os últimos pasos para completar a adxudicación de aglomerados no camiño C-112 e no camiño do Casal (ambos do POS 2018) e do subministro de materiais, ferramentas e pequenas máquinas para a cuadrilla municipal de obras. 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar