Novas

luns, 16 de novembro de 2020

O Concello constitúe un equipo de traballo que coordine a atención social e a seguridade dos menores da cidade

Os concelleiros de Benestar Social, Eva Martínez Montero, e de Seguridade, Germán Costoya, mantiveron esta mañá unha reunión con Policía Local, Policía Autonómica, o coordinador de Seguridade e técnicos municipais. Acordaron poñer en común as súas liñas de traballo para optimizar recursos e abordar os casos de forma “conxunta”


O Concello constitúe un equipo de traballo que coordine a atención social e a seguridade dos menores da cidade

O Concello de Ferrol vén de constituír un equipo de traballo que coordinará as intervencións con menores tanto desde o punto de vista social como de seguridade. Os concelleiros responsables das áreas, Eva Martínez Montero e Germán Costoya respectivamente, participaron esta mañá nunha reunión con Policía Local, Policía Autonómica, o coordinador de Seguridade do Concello e técnicos municipais co fin de abordar o seu respectivo traballo no tocante a menores. 


Acordaron sentar as bases dunha colaboración que facilite “coordinar” e avanzar de forma “conxunta” no traballo relacionado con menores co fin de “optimizar os nosos recursos”, tal e como explicou a concelleira tras a reunión. O novo equipo de traballo reunirase cada tres meses aínda que o próximo encontro terá lugar xusto pasado o Nadal. 

O obxectivo é tratar os asuntos vencellados con pequenos e adolescentes como, por exemplo, o aumento no número de casos de absentismo escolar. A vontade dos integrantes é invitar tamén a outros axentes implicados na materia, como o equipo de menores da Xunta ou a Fiscalía de Menores, entre outros. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar