Novas

mércores, 18 de novembro de 2020

O Concello activará un plan para protexer a nidificación da píllara da duna na praia de San Xurxo

A edil de Medio Ambiente, Ana Lamas, anunciou que tamén inclúe unha campaña de sensibilización xunto coa Sociedade Galega de Historia Natural e a Aula de Ecoloxía Urbana. É unha especie ameazada pola destrución e alteración do hábitat, a limpeza mecánica dos areais motivada polo seu uso e pola acumulación de contaminantes, entre outros motivos Ferrol ven de contratar dita actuación de conservación, preservación e restauración da Rede Natura 2020 tras recibir unha subvención da Dirección Xeral de Patrimonio Natural


O Concello de Ferrol ven de adxudicar por 17.460 euros (sen impostos) a posta en marcha de medidas de conservación, preservación e restauración na Rede Natura 2020 Ferrol —no municipio abarca 1.585 hectáreas—, co fin de protexer a nidificación da píllara da duna, unha especie globalmente ameazada pola destrución e alteración do hábitat, a limpeza mecánica dos areais motivada polo seu uso e a acumulación de contaminantes, entre outros motivos. 


Trátase dunha especie protexida, polo que o Concello , a través da concellería de Medio Ambiente, que dirixe Ana Lamas, vai poñer en marcha un plan para protexer a súa nidificación, para o que Ferrol recibiu unha subvención da Dirección Xeral de Patrimonio Natural. 

O programa divídese en tres actuacións. En primeiro lugar, delimitarase e prohibirase o tránsito da área crítica de nidificación do ave na praia de San Xurxo. De feito, dito areal, xunto ao de Esmelle e A Frouxeira, en Valdoviño, alberga actualmente o núcleo da construción de niños da ave máis setentrional de Galicia e do litoral atlántico ibérico. Delimitarase durante cinco anos un perímetro estimado de 1.200 metros lineais da zona de nidificación e do cordón dunar na praia de San Xurxo, para o que se empregarán rolos de madeira unidos por unha corda, un tipo de valado sinxelo e desmontable moi utilizado para evitar o paso aos sistemas dunares. Con esta medida preténdese mellorar o recrutamento local como ferramenta para incrementar as posibilidades de reasentamento na praia, polo que se prohibirá o tránsito de persoas e animais domésticos durante todo o ciclo anual. 

A segunda actuación consistirá na colocación de paneis informativos indicando o código de conduta e de xeito específico ás prohibicións de paso pola zona protexida. Por último, a terceira liña de traballo, tal e como explicou Lamas, será a posta en marcha dunha campaña de sensibilización, que inclúe á comunidade educativa. Para elo, o Concello contará coa colaboración da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que promoverá unha charla ao inicio das campañas de nidificación, e da Aula de Ecoloxía Urbana, no Cantón de Molíns, que desenvolverá actividades que contribuirán á divulgación entre escolares e público en xeral e que poderán solicitar colexios e entidades.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar