Novas

mércores, 18 de novembro de 2020

O Concello autorizará aos vendedores do mercado de Caranza á ocupación provisional dos novos postos

O obxectivo é que os operadores desenvolvan a súa actividade mentres non se resolva a licitación, un proceso que se pode dilatar no tempo, pero que é obrigado levar a cabo por lei para formalizar definitivamente o traslado, toda vez que o pleno declarou concluída a concesión do edificio en maio de 1998


O Concello vai autorizar con carácter provisional a reubicación dos vendedores do mercado de Caranza nos postos situados na zona do edificio recentemente rehabilitada. O obxectivo é que poidan desenvolver a súa actividade mentres se tramita o procedemento de licitación para o outorgamento de concesións dos citados postos, un trámite de obrigado cumprimento dada a situación na que se atopa o inmoble municipal dende que o pleno, en maio de 1998, declarou finalizada a concesión para a construción e explotación das instalacións e adoitou a decisión de levar a cabo un novo concurso de obra e xestión de servizo público. 


Naquel momento autorizárase aos operadores, durante un período transitorio ata a nova adxudicación da concesión, a continuar coa explotación dos postos. Pero o concurso de obra e xestión de servizo público nunca chegou a pórse en marcha e finalmente foi o propio Concello o que, xa no ano 2017, asumiu o proxecto de rehabilitación do mercado. 

Consulta ao Tribunal Administrativo de Contratación Pública 
Así, unha vez rematados os traballos, nestes casos a normativa contempla abrir un procedemento para a adxudicación dos postos en réxime de concesión. É dicir, a execución da reforma das instalacións e o traslado dos operadores require da licitación dos postos. Co fin de aclarar perfectamente de que xeito se debe conducir todo este proceso, o Concello de Ferrol chegou incluso a elevar unha consulta ao Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Tacgal). 

Non obstante, a xurisprudencia sobre este tipo de casos admite a figura da autorización para ocupar os postos, aínda que con carácter provisional e por períodos curtos, e mentres se está tramitando un procedemento de outorgamento de concesións, como é o caso. 

Por outra banda, unha vez que se remataron as obras de rehabilitación, foi necesario realizar unha valoración técnica dos novos postos co fin de aplicar unha tarifa adaptada a eles. Tamén se recibiu aos operadores en varias ocasións. Todo elo, co fin de garantir a seguridade xurídica do procedemento.

Reunión para informar aos operadores 
Durante os pasados meses, o goberno local mantivo varias reunións cos vendedores para mantelos informados dos pasos que se estaban a dar. Tamén para que os propios operadores puideran trasladar as súas argumentacións e demandas. A última delas celebrouse onte no pazo municipal, coa presenza do alcalde, Ángel Mato; a concelleira de Patrimonio, María Teresa Deus, e o concelleiro de Mercados, Germán Costoya. Nela participaron tanto os vendedores como a presidenta da asociación de veciños Cuco Ruiz de Cortázar. O alcalde explicoulles como se vai proceder para o traslado aos novos postos e agradeceulles a “paciencia” que mostraron mentres a Administración local encamiñaba “unha situación moi complexa”. Tal e como xa lles dixera en anteriores xuntanzas, o rexedor insistiulles en que o principal obxectivo do goberno local foi en todo momento “garantir a seguridade xurídica”, tanto para o Concello coma para eles. 


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar