Novas

mércores, 18 de novembro de 2020

O Concello prevé que a obra do aparcamento municipal do CHUF estea rematada na primeira quincena de decembro

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, visitou hoxe a parcela na que se está a construír o estacionamento, que contará con 123 prazas, 4 delas para persoas con mobilidade reducida. Durante a comisión informativa celebrada esta mañá, o edil explicou que, de non xurdir ningún contratempo, os traballos concluirán nos días seguintes á ponte da Constitución


O Concello prevé que a obra do aparcamento municipal do CHUF estea rematada na primeira quincena de decembro

 O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, visitou esta mañá a parcela onde o Concello de Ferrol está a construír o aparcadoiro municipal do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) e anunciou que estará rematado na primeira quincena de decembro. Así o comunicou tamén hoxe aos grupos da oposición durante a comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación de cada mércores. Na actualidade a porcentaxe de obra executada supera xa o 61 %, que inclúe a colocación das lousas prefabricadas de formigón das prazas do estacionamento, traballos de canalización do alumeado público e a instalación dos postes e luminarias, entre outras intervencións. O proxecto lévase a cabo no marco do Plan Director da área sanitaria de Ferrol e forma parte do POS 2019 da Deputación provincial. Foi adxudicado por 241.300 euros (IVE incluído). A superficie sobre a que se actúa é de 4.220 metros cadrados e o acceso situarase na rúa Irmandade de Doadores de Sangue.


O novo aparcamento municipal contará con 123 prazas de estacionamento, catro das cales estarán reservadas para persoas con mobilidade reducida. Estanse a celebrar reunións semanais para facer seguimento do novo aparcamento, unha obra que “prestará un servizo moi necesario na nosa área sanitaria”, explicou Reina. 

Tamén zona para motocicletas 
No novo estacionamento tamén haberá unha zona para motocicletas, en concreto nas inmediacións do acceso. Dado que se prevé que as instalacións sexan empregadas habitualmente por persoas maiores ou con dificultades físicas, as prazas para estacionar serán amplas, de 2,80 x 4,90 metros, de xeito que se lles facilite aos usuarios a entrada e saída dos vehículos. Entre as filas de aparcamentos haberá un espazo seguro conectado cunha beirarrúa que percorrerá a zona norte da parcela ata a saída. 

As prazas de estacionamento estanse a executar con lousas tipo céspede prefabricadas de formigón de xeito que permitan o nacemento da herba no seu interior, o cal axudará a integrar o aparcadoiro no resto da parcela e servirá de drenaxe das augas pluviais. Tamén se van plantar árbores que no futuro dean sombra aos vehículos. Serán das mesmas especies existentes no entorno: carballos e bidueiros. 

Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Ana Lamas, deu conta na comisión desta mañá da colocación de flor de tempada e da evolución do plan de rozas nas últimas datas, que xa rematou nas parroquias Santa Icía-Leixa e en Mandiá-Marmancón. Neste momento se está a traballar en Covas. 






 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar