Novas

venres, 20 de novembro de 2020

O Concello celebra hoxe o Día Mundial da Infancia coa exposición de medio centenar de debuxos na Casa Solidaria

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, visitou esta mañá a mostra de pintura que reflexa o modo no que os pequenos viven a actual situación de pandemia


O Concello celebra hoxe o Día Mundial da Infancia coa exposición de medio centenar de debuxos na Casa Solidaria

O Concello de Ferrol celebra hoxe, 20 de novembro, o Día Mundial da Infancia cunha exposición de medio centenar de debuxos realizados por nenos e que desde hoxe pode visitarse na Casa Solidaria (rúa Velázquez, 44). A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, visitou esta mañá a mostra, que reflexa o modo no que os pequenos da cidade están a vivir a pandemia por mor da covid-19, o que lles preocupa e como a viven. 


A edil explicou que non haberá acto inaugural pola actual situación sanitaria e animou a toda a cidadanía a visitar os debuxos e cómics dos nenos, expostos precisamente nos escaparates da planta baixa do centro social de modo que se poidan ver dende a rúa “e evitar problemas de aforo no interior da instalación”, dixo Martínez. “Queremos dar visibilidade a un colectivo que, malia non ser o máis vulnerable coa enfermidade, si está a sufrir de forma moi importante, primeiro o confinamento, e agora as enormes limitacións na escola, as actividades ou o deporte, as consecuencias da mesma”, manifestou a concelleira. Tamén agradeceu “a implicación de todos os participantes”, 50 usuarios das entidades Acción Familiar, Teima Down, Aspaneps e Secretariado Gitano, todas elas integrantes do Grupo municipal de Traballo de Infancia, Familia e Adolescencia do Concello de Ferrol. A exposición pode visitarse ata rematar o Nadal. 

Exposición sobre educando en dereitos 
Tamén con motivo da celebración do Día Mundial da Infancia o Concello de Ferrol, desde a concellería de Educación, que dirixe Antonio Golpe, publicou hoxe, na súa sección de Destacados da web municipal, a exposición ‘Educando en dereitos desde a cidade’. Pode visitarse no enlace: https://www.youtube.com/watch?v=lfCxVUxKg6g.






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar